Imaxes en estado puro en Italia

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

carlos folgoso

O fotógrafo verinense foi dos primeiros en chegar ao Costa Concordia

26 nov 2012 . Actualizado a las 14:18 h.

«Sei que voltarei a Galicia, quero traballar aí e vivir do meu traballo. Mais este non é o momento nin aí podo contar agora mesmo coas condicións que serían necesarias para desenvolver os meus proxectos». Carlos Folgoso traballou para varios xornais galegos, entre eles La Voz de Galicia, antes de establecerse hai ano e medio en Florencia.

A oportunidade veulle da man dunha das becas Leonardo da Deputación de Ourense. Concedéronlla para perfeccionar o inglés e durante a súa estadía na cidade italiana non perdeu o tempo «e xa nos primeiros días adiquéime a deixar os meus datos e portfolios por axencias, fotógrafos e outros lugares». Daquela xurdiulle a posibilidade de traballar un par de meses para a axencia propiedade de Massimo Sestini. Folgoso lembra que «alí estiven de prácticas dous meses, e ao rematar a beca voltei. El chamoume en varias ocasións pero eu fun rexeitando a proposta porque quería quedarme en Galicia e seguir desenvolvendo aí o meu traballo». Recoñece que a falta de oportunidades fixo que acabase aceptando voltar a Italia.

Das viaxes á Fórmula 1

Na axencia «somos uns 15 ou 20 fotógrafos, dependendo da época, e Massimo Sestini é o que máis traballa, con diferenza. O seu recoñecemento e traxectoria fan que teñamos encargos por toda Italia e outros países, e a min correspóndenme algúns deses cometidos». Cubrir a pretempada do equipo local nos Alpes o todos os partidos da Fiorentina na liga son algunhas das responsabilidades de Folgoso «como tamén ir a Roma ou Milán a facer retratos de famosos para as revistas, ir a Bulgaria para a foto fixa dunha película ou, como hai unhas semanas, viaxar a Mikonos para unha reportaxe sobre a illa grega». O seu paso pola fábrica de Ferrari ou o gran premio de Monza son outros traballos recentes. Da Fórmula 1 salienta que «é unha experiencia nova».

Un naufraxio para lembrar

O traballo do que se sinte máis orgulloso é a cobertura do naufraxio do Costa Concordia. Á unha da mañá chamouno o xefe «para dicirme que saise para alá». A costa estaba controlada pola Policía e non se podía pasar «pero o meu xefe non paraba de dicir que había que chegar á illa e ao barco como fora. Disfraceime poñendo un chaleco amarelo e metínme nun dos barcos que ían ao Concordia en labores de auxilio. Cando cheguei ao barco escondínme na sala de máquinas e ao sair atopeime a un compañeiro da axencia. Fomos os primeiros en chegar. Ía para un día e botei un mes e as fotos sairon en todo o mundo».