
O certame promovido polo actor Rubén Riós chega á súa sexta edición
30 jul 2013 . Actualizado a las 07:10 h.Riós acollerá esta fin de semana a sexta edición do seu Festival de Artes Escénicas, unha cita que está vencellada dende a súa creación á figura do desaparecido actor Abelardo Gabriel. Nesta nova entrega o certame promovido polo actor, director e produtor Rubén Riós incide de maneira especial na súa faceta solidaria coa proxección de Sayonara Beibi, de Estíbaliz Veiga, na sección Todos podemos facer cine. A «estrea mundial» do documental de Aitor Rei A última viaxe do afiador, a presenza de Daniel Minimalia, que actuará o día 2, ou a inauguración da Ruta do talento, serán parte das actividades.
Rubén Riós remata a súa participación en Libro de familia e afronta novos proxectos profesionais ao tempo que ultima o Festival de Artes Escénicas, que se celebra os días 2 e 3 no seu pobo. O actor recoñece que «traballar nunha serie, como neste caso Libro de familia, dáche unha certa comodidade e liberdade para implicarte noutros proxectos. Agora remata pero non é a fin do mundo: estou en varias rodaxes -na película de Ramón Díaz, Radilo, que vai ser o primeiro western galego e na curta La cena cruda- , teño algunhas iniciativas nas que estou participando como produtor -entre elas a das irmáns Miriam e Sonia Albert que se vai rodar, entre outros lugares en O Barco, A Rúa e Petín- e estamos co festival, que é un proxecto que pouco a pouco se vai facendo máis importante e que suscita unha implicación cada vez maior».
Aposta polo medio rural
Rubén Riós só ten palabras de agradecemento para os que participan no festival «porque a xente implícase de tal forma que non tes palabras para agradecerllo. E disllo a Javier Gutiérrez e diche que si, que se achega a Riós para participar, ou a un artista da categoría de Daniel Minimalia... a verdade é que entre todos fan posible que siga viva un proxecto que naceu como unha aposta decidida pola cultura e por dinamizar o medio rural galego».