Temos nesta provincia un complexo de inferioridade que remata por ser a explicación de moitas das cousas que nos acontecen. E así, hai proxectos ou iniciativas de interese ou de particular importancia que rematan por non pasar de novos intentos de grandes ideas que van incrementar o milladoiro de propostas que nunca existirán ou que resultaron erradas. Pola contra, e iso é un denominador común con moitos outros lugares, hai unha excesiva pretensión de convertir en heroes ou semideuses a ídolos caídos ou a profesionais que deciden poñer algo de distancia coas capitais nas que pouca historia fixeron. E na mirada «a provincias» aquí mercamos dende un circuito de fórmula 1 á meca das novas tecnoloxías ou a nova Cinecittá.
Nesa dinámica rematou por convertirse en ídolo e heroe ourensán, nunha especie de novo Cachamuiña, Mario Conde. A icona do pelotazo e dos tempos da xente guapa, e exresidente no cárcere polo desfalco do Banesto, foi aclamado, adorado e bendecido polos poderes fácticos ourensáns. Agora que se sinala que Conde seica branquexaba diñeiro cos cosméticos -a que me soa isto?- corren a velocidade supersónica pola rede as imaxes deses actos multitudinarios organizados pola Cámara de Comercio ou esas xenuflexións en foros sociais, presentacións de libros e outras citas nas que acostuman a deixarse ver os que disque algo son nesta provincia.
Tamén como é preceptivo nestes casos, e na estética ourensá, os que antes se gababan de ser pouco menos que compadres agora seica nin o coñecían. O de sempre.