«Ao pasar por PP e PSOE aprendín que fai falta un partido galego»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

«Eu non cambio de ideoloxía. Sempre pensei o mesmo», di Fernández, que acaba de crear un partido «de centro»

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi secretario provincial do PSOE ata que fichou polo PP de Baltar. Agora Eladio Fernández Vázquez (Punxín, 1958) marcha tamén e crea un novo partido. «Fai falta un cambio e Vía Nova pretende chegar a todos os rincóns de Galicia porque é necesario que cambien os políticos, que cambie a sociedade e que cambien os axentes sociais e económicos. Para iso necesitamos un partido que represente á maioría social dos galegos, que entendemos que está no centro», di.

-¿Deuse de baixa no PP?

-Por suposto. Foi unha opción no seu momento. Quizais se non estivera no PP e no PSOE anteriormente igual non estaba preparado para esta opción. A política é complicada e pasar por distintos partidos con sede en Madrid me formou para entender que Galicia necesita dunha política con sede en Galicia. Ao pasar por PP e PSOE aprendín que fai falta un partido galego.

-¿Fíxolle Baltar algunha promesa para fichalo que non cumprira?

-Non, non, non. A min non me prometeron nada nin teñen por que prometerme nada. Eu entro nunha opción e nada máis o que quería e que se nalgún momento nesta provincia había unha opción para mellorala, igual que fixen no PSOE, eu humildemente poño o meu ombreiro para o que faga falta e nada máis.

-Pregúntollo porque cando se foi do PSOE o seus excompañeiros dicían que Baltar aproveitárase dunha situación de necesidade.

-A esas historias nunca respondín porque son incribles e non teñen ningún sentido. A proba é evidente: ¿Onde está Eladio Fernández? Intentando facer un partido para transformar esta sociedade. Con iso queda todo dito.

-¿En que o decepcionou o PP para tomar ese camiño?

-Igual que me pasara co PSOE, eu pensaba que partidos con sede en Madrid se ían preocupar realmente de Galicia. Eu sempre creo nas persoas e un está aí a ver se de verdade realmente se fai algo. Entón, cando vexo que non se fai, non perdo o tempo nin llo fago perder a ninguén. Convencinme de que a Galicia non a vai salvar ninguén salvo que os galegos nos poñamos maioritariamente de acordo detrás dun proxecto común.

-¿Falou con Baltar para explicarlle por que marchaba?

-Si, vamos, falei con persoas da súa executiva, como corresponde a unha persoa educada. Temos unha cordialidade e unha magnífica relación, pero a política é así, un cambia e trata de facelo o mellor posible. A miña ilusión é facer algo pola sociedade galega.

-Hai quen di que crea este partido como refuxio para Baltar se lle veñen mal dadas no PP. ¿É así?

-Ese rumor tamén chegou aos meus oídos, pero iso non estivo nunca enriba da mesa para nada. Négoo con total rotundidade.

-Podería dicirse que cambia vostede moi facilmente de ideoloxía. Primeiro de esquerdas, logo de dereitas, agora de centro...

-Non, eu non cambio de ideoloxía. Sinceramente, eu sempre pensei o mesmo. Eu aposto por un partido para intentar transformar a sociedade e, aprendendo o que aprendín estando neses partidos, creo que estou preparado para ofrecer á sociedade este proxecto.

-¿Cales son as prioridades políticas de Vía Nova?

-Nós intentamos conectar coa maioría social de Galicia, que entendemos que é de centro. Tendo iso presente, nós entendemos que Galicia foi inxustamente tratada durante estas últimas décadas. Aínda temos moitos problemas en infraestruturas. Unha vez que as teñamos, necesitamos unha industria potente. Temos unha capacidade de exportación moi limitada e o gasto público moitas veces é para o despilfarro, como coa Cidade da Cultura. En Galicia, ademais, temos un problema cos localismos e temos que saír de aí para poder progresar. Con eses parámetros, dependendo de partidos con sede en Madrid, non se vai solucionar nada.

-Nun escenario hipotético no que vostede tivera que decidir quen preside a Xunta, ¿que faría?

-Nós sabemos perfectamente o que queren os galegos e para nós o primeiro obxectivo é gobernar Galicia e ser as persoas que representemos a vontade maioritaria dos galegos. Mentres non o consigamos, se podemos decidir un goberno farémolo sempre co respaldo do sentir maioritario dos galegos porque nós imos estar continuamente en contacto coa sociedade civil, empresarial e social. Somos un partido con capacidade de pacto e non nos negamos a nada para que Galicia teña o mellor goberno.

-¿Cre ter medios suficientes para saber «perfectamente» o que queren os galegos, máis incluso que os partidos tradicionais e as súas grandes estruturas?

-Eu, con vinte anos de experiencia na política, sei como facelo e sei como contar sen equivocarme co que pensan a maioría dos galegos.

eladio fernández vázquez exmilitante de pP y PSOE y fundador del partido vía nova

«Moitas veces os movementos veciñais viven das subvencións e así non es libre»

Despois de deixar o PSOE para fichar polo PP especulouse coa posibilidade de que Eladio Fernández Vázquez fose o candidato dos populares a algunha alcaldía. Falouse de Punxín, onde naceu, e de San Cibrao, onde foi concelleiro socialista. Sen embargo, o exdirixente político finalmente acabou no movemento asociativo como presidente da confederación galega de colectivos veciñais, Cogave. Agora fai o camiño de volta.

-¿Deixou xa o movemento veciñal?

-Agora que estou na actividade política por suposto deixeino. Estiven encantado de estar aí e foi quizais un dos motivo que me levou a estar nesta situación. Recorrín durante dous anos Galicia de cabo a rabo vendo os problemas na rúa, que é importantísimo. Iso deume unha amplitude de miras e unha conciencia para hoxe intentar transformar esta sociedade nosa.

-¿Cree que as asociacións de veciños están excesivamente politizadas?

-Seguramente. Eu creo que esta é unha das cousas que hai que intentar cambiar en Galicia, que os movementos asociativos de todo tipo deixen de estar tan politizados. Se eses movementos non son reivindicativos perden a súa esencia e se son sumisos ao poder non cumpren os seus obxectivos.

-¿E non contribúe a esa politización o feito de que vostede, que foi político antes e despois, presidira a confederación galega?

-Vamos a ver, eu no movemento veciñal nunca me sentín presionado nin ninguén me pediu que fixera algo distinto ao que eu quería facer, pero sabemos que moitas veces os movementos veciñais viven das subvencións e así non es libre porque dependes economicamente. Pero iso non quere dicir que estivéramos presionados. Hai que buscar outra forma de financiarse.