Xoan Bascuas, en Ourense: «Temos a convicción de que somos a forza política necesaria»

Carla Delgado

OURENSE

Antía Otero

A candidatura de Compromiso por Galicia en Ourense para as autonómicas foron presentados nos xardíns do Padre Feijóo

31 ago 2016 . Actualizado a las 19:33 h.

A candidatura ourensá de Compromiso por Galicia presentouse na capital da provincia con parte dos seus candidatos máis destacables como son Xosé Mosquera, Lucía Neira, Roberto Fernández, Aldara Nieves e Iván González. O candidato á Xunta de Galicia, Xoan Bascuas, tamén estivo presente no acto celebrado esta mañá en Ourense.

O partido aposta por unha candidatura xoven tal e como apuntaba Xosé Mosquera: «Esta candidatura que aquí vedes representada nunha parte tiña un obxectivo principal y era que o 50% dos dez primeiros da candidatura foran de menos de 30 anos e iso é un obxectivo que acadamos do que eu estou especialmente satisfeito porque eu creo que a cidadanía máis viva que é a xuventude está representada nestas candidaturas. Non vale que vaimos nestas candidaturas e logo os mozos non estén representados nin participen nelas entón os seus problemas e intereses non se defenden».

O candidato á Xunta, Xoan Bascuas, pretende que o seu partido sexa a alternativa a acadar o goberno galego. «O 26 de setembro de 1764 morreu Padre Feijóo, un dos pais da Ilustración tanto a nivel europeo como, claramente, galego. O 25 de setembro temos a oportunidade de que morra o Feijóo da oscuridade, políticamente falando, claro está. Por iso Compromiso por Galicia vai facer unha campaña reflectindo o que é, unha nova forza política galeguista, progresista e socialdemócrata. Temos a convicción de que somos a forza política necesaria para amalgamar a alternativa de Goberno ao Partido Popular», comentou o líder de Compromiso por Galicia.

Entre as propostas que se expuxeron na presentación en Ourense hai un gran interese polos xóvenes galegos e, sobre todo, polos de interior debido a gran presenza de poboación avellentada nestas zonas. «No noso programa electoral poderá atoparse a proposta de que aqueles mozos e mozas que adquiran a súa primeira residencia nun concello de menos de 2.000 habitantes terán incentivos fiscais no tramo do IRPF autonómico e logo tamén temos a proposta do plan de emprego de emprendemento entre a mocidade que se basea en que existan axudas e unha achega de 6.000 euros para que a xente poida comeza o seu proxecto vital», asegura o candidato de Compromiso por Galicia á Xunta.