«O medio rural de Ourense precisa un mellor aproveitamento do monte»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi REDACCIÓN / LA VOZ

OURENSE

antonio cortés

Esta moza, que xa encabezou a lista nas xerais, aspira a coller o relevo de Tereixa Paz no Parlamento galego

21 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi cabeza da cartel do Bloque Nacionalista Galeg nas xerais de decembro e repetiu na cita de xuño ao Congreso. Noa Presas (Ourense, 1987) empeza a ser un rostro máis coñecido para os cidadáns da provincia. As enquisas apuntan a que podería entrar no Parlamento galego.

-Vostede é moi moza e a pesar de todo semella que leva toda a vida na política...

-Se entendemos a política como un compromiso que pasa por diferentes campos de batalla, levo tempo. Dende o instituto.

-¿E que che empurrou?

-Empecei a raíz de Nunca Máis. Cando o Prestige tiña 15 anos. Foi unha época convulsa; non so polo naufraxio senón tamén pola guerra.

-¿De onde ven a súa atracción polo nacionalismo?

-Daquela, e como me foi pasando ao longo da miña vida, o nacionalismo era o movemento que defendía e daba resposta as necesidades do momento. Eu son neofalante, ate entón a miña lingua habitual era o castelán; non tanto na casa senón fóra.

-¿Por que está o BNG a perder tanto apoio social dende hai xa moito tempo?

-Hai moitas causas. A nós tócanos pensar sobre as propias, sobre os elementos externos non podemos incidir. Temos que pensar que é o que non fixemos ben nas institucións e no contacto coa base social.

-¿Que explicación ten que o BNG esté botando man de xente tan nova? ¿Faltan titulares e saen os do banco?

-Para nada é así. Durante moito tempos se nos achacou que non estabamos renovando. Fai un tempo, cos debates abertos, pedíronsenos cambios e é o que estamos facendo agora. Que algunhas persoas dean un paso atrás na esfera pública e outras asumamos responsabilidades é o natural.

-¿Non hai cadros políticos que podían estar en primeira liña e optaron por marchar?

-Os cadros políticos se crean e se forman no traballo diario da organización. E tamén é necesario lanzalos a un plano máis público.

-¿Cales son os problemas que máis lle preocupan de Galicia?

-Todos están vencellados á necesidade de cambios estruturais, de cambios profundos. E , sobre todo, de recuperar peso político para decidir sobre os nosos procesos produtivos e poder así rematar co desemprego.

-Vostede é moza traballadora e ven de sufrir a precariedade laboral. ¿Tivo algún tipo de repercusión laboral a súa militancia política?

-Non as sufrín de forma directa, pero nun sitio como Ourense posicionarse politicamente e facelo dentro do Bloque ten consecuencias laborais. Falo das expectativas.

-¿Está sinalando a Baltar?

-Aquí a rede clientelar do PP é moito máis profunda que noutros sitios. Isto complica sacar a cabeza. Nós vivímolo nos concellos cando intentamos facer candidaturas e non o conseguimos por presións directas sobre as persoas. O PP a nivel galego interésalle este panorama en Ourense.

-¿A que se refire?

-Feijoo non gañaría se non tivera o clientelismo de Baltar á súa disposición electoral. Iso téñoo claro.

-¿Que propón para Ourense, a provincia pola que se presenta?

-Estamos máis preto de ser un deserto que de ser unha realidade viva. E para mudar iso fan falta cambios profundos, sobre todo no medio rural, que precisa un mellor aproveitamento do monte. O que é inadmisible e que na provincia máis envellecida e con máis cota de emigración xuvenil a proposta estrela do PP sexa un parque acuático.

«Feijoo non gañaría se non tivera o clientelismo de Baltar á súa disposición»

«Hai que recuperar peso político para decidir sobre os nosos procesos produtivos»