«Nos Milagres eran moi progres»

mar gil OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O desaparecido colexio do Monte Medo iniciou no galeguismo ao historiador macedao

23 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na entrada dos Milagres un muro sombrío resgarda os edificios en desuso do antigo colexio. Só a memoria é quen de esnaquizar as fronteiras temporais e reactivar escenas dos anos 70. Fano, man a man, un antigo alumno -o mestre e investigador histórico Santiago Prol- e o cura Manuel Peleteiro, un dos catro que abandonaron o centro en 1978 en solidariedade cun compañeiro represaliado.

Oito anos antes chegara ao entón modernísimo colexio Nuestra Señora de Los Milagros un rapaz de 10 anos que escolleu Ciencias porque quería facer Medicina, pero que agochaba, realmente, un corazón social e literario: «O que me apaixonaba é a Historia. En COU a Literatura gustoume grazas a un bo profesor, Arturo Fernández. Mandounos facer un traballo e eu propúxenlle a Bob Dylan como fenómeno de comunicación social. Finalmente aceptou a idea e púxomo un 10. A primeira vez que presentaron a Dylan para o Nobel vino e díxenlle: que? Tiña ou non tiña eu razón?».

Con capacidade para 600 alumnos, 400 deles internos, aquelas aulas dos setenta rebordaban pasado e futuro. Gardaban o resaibo da relixiosidade máis rancia e arrastraban fama de colexio temible pero, en realidade, ofrecían, como un tesouro humano dentro dunha arquitectura vangardista, o bo facer pedagóxico e o compromiso social de espléndidos educadores.

«Eran moi progres», lanza Santiago Prol, que non esquece, porén, as actitudes violentas dalgúns profesores e aquel paredón que servía para pór firmes os alumnos díscolos: «Eu era tranquilo, pero tiña un defecto que aínda teño: falo moito. Así que pasei moitos recreos castigado no paredón!».

Peleteiro, o seu profesor de Relixión e responsable de organización e disciplina -«pero era un buenazo», apunta Prol sinalando a contradición-, tamén garda memoria dos castigos. El foi alumno dos Milagres nos 50, cando era un centro de paúles para formar vocacións: «Se falabas galego, castigado! Por unha palabra en galego, dez palabras do dicionario da RAE ao pé da letra. Aquilo era autoodio». Talvez por esa herdanza e pola influencia de mestres como Francisco Carballo, que lle deu Teoloxía -e moito máis!- en Salamanca, Peleteiro acabou convertido nun «educador máis ca un profesor. Nunca notei que o castigo fose un método para ensinar. Eu os alumnos víaos como fillos; nos recreos pasábao mellor con eles que cos compañeiros na sala».

Co seu aspecto de avó entrañable e un discurso convencido e convincente, séguese parecendo a aquel cura novo que militaba no bando dos bos no tardofranquismo e na Transición.

«Este home influíu en min tanto! -salienta Prol-. Intentaba inocularnos que Galicia ten unha identidade propia, e creo que o conseguiu con moitos alumnos. Facíao cunha sensibilidade enorme, cos seus vinilos de Voces Ceibes, descubríndonos a nosa literatura con música, con clases e misas en galego aínda que estaba prohibido… Daba Relixión, pero non adoutrinaba, e con el podiamos falar de todo: sexo, rock… Ensinounos a tocar a gaita e, cando morreu Franco, espertounos cunha alborada».

Peleteiro analiza esa súa actitude como unha defensa da diversidade fronte á uniformidade que, láiase, «aínda hoxe é a lei. A historia fana os mercados e nós queriamos educar en sentido crítico. Un obxectivo noso era educalos para que non emigrasen, que non visen a emigración como unha aventura senón como necesidade, como unha mala xestión do país». Prol non estaba entre aqueles fillos de emigrantes internos, por iso Peleteiro tivo con el unha relación menos estreita, aínda que non menos influínte: «Peleteiro, como Francisco Carballo -Prol escribiu con Xan Carballa a biografía do ilustre macedán-, nunca perdeu o norte».

O Santiago mozo, lembra Peleteiro, «era un alumno normal, dos que pasan desapercibidos, e iso é porque son bos alumnos». O historiador vai máis alá: «En realidade, eu era dos frikis. Nin me gustaba o fútbol! Eu ía á biblioteca de galego que Peleteiro creou. Eramos os raritos».

«Como non había profesor, demos nós as clases de galego»

Ata os 10 anos Prol estudou na escola de nenos de Maceda. Despois dos Milagres comezou Medicina «porque estaba de moda, pero non me gustou nada. Pensei en Maxisterio porque era o máis rápido para independizarme, pero logo chegou a vocación».

«De Maxisterio, o mestre que me impactou foi José Paz, que me daba Pedagoxía. Soubo cativarnos desde o primeiro día cos seus comentarios, cos contos de Tagore e as clases en galego… Paz foi o meu profesor por excelencia. Só nos fixo un exame, e tróuxonos un chupachús a cada un para que tivésemos forzas!».

«Por certo, eu tamén fun mestre de galego en Maxisterio. Empezábase a dar como materia, pero non había profesor. Como eu tiña os apuntes dos Milagres, decidimos que as clases dabámolas nós. Eu din a primeira e Xan Carballa, a segunda. Os meus compañeiros de aula convertéronse nos meus alumnos! Ao seguinte día prohibíronnolo, pero contrataron a unha profesora».