Revivir Oseira

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non hai moito había quen mantiña en Oseira a memoria dos tempos en que voltaran os monxes para o mosteiro. Anos de esperanza, colaboración para revivir as que non pasaban de ser unhas ruínas e tamén momentos puntuais de desencontros. E seguían bulindo na memoria colectiva os mortos da carga contra os veciños que se opuxeron ao traslado do baldaquino, suceso tráxico que provocou o rexeitamento cidadán e as manifestacións recollidas pola cámara do fotógrafo Ramón Godás. Disto hai máis dun século.

O mosteiro da Serra Martiñá mantén a súa loita contra o tempo e os seus andacios. Problemas que teñen o seu mal endémico nunha realidade contra a que non hai moito que facer. E a mesma non é outra que a falta de quen loite polo seu futuro ao ser escasas as mans que alí habitan e aínda máis febles as condicións de moitos dos seus moradores. En Oseira vive unha comunidade formada por unha ducia de monxes cistercienses, dous deles cunha idade superior aos noventa anos.

Agora a Xunta aposta polo rexurdimento do recinto emblemático do Císter nas terras galegas e faino encargando o traballo a un arquitecto senlleiro como é César Portela. Ao rematar o plan director estará Oseira na mellor das situacións vividas ata o de agora -é dicir, desde a Desamortización- mais para aquela haberá que ir cavilando en que o movemento que xeneren os turistas que fan o camiño a Compostela non será quen de dinamizar un espazo monumental que é espello do que acontece na súa contorna, onde campan a despoboación e o abandono. Fai falta algo máis que un plan de obras.