A homenaxe anual non contou con presenza familiar nen da fundación que leva o nome do galeguista
05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O tempo e as ausencias son inimigos da memoria. E, por veces, as circunstancias xogan contra a mellor das intencións. O Concello de Ourense celebrou onte a homenaxe anual en lembranza de Alexandre Bóveda no seu espazo vital: fronte a casa na que naceu e onde o lembra o carballo de bronce no que Buciños simbolizou o futuro nuns cativos que agatuñan cara as pólas que agroman no mesmo.
Unha convocatoria na que non se contou coa presenza de representantes da familia nen da Fundación Alexandre Bóveda. O alcalde escusou as ausencias e sinalou que, no caso da entidade, os seus representantes «ate o último momento quixeron acudir a este acto». A representación dos grupos municipais da oposición contou con algunhas ausencias, pola Deputación participaron na convocatoria o vicepresidente Rosendo Fernández e a deputada Montserrat Lama, e a única intervención do acto correu por conta do alcalde da cidade. Lembrou Vázquez Abad que o ourensán foi un «dos bos e xenerosos, que viu a súa vida truncada aos 33 anos por mor da Guerra Civil», o seu papel como promotor do Estatuto de Autonomía de Galicia e as verbas do seu amigo Pepe Sesto nas que sinalaba que «o nome de Bóveda era para nós a bandeira, o santo e seña da Galicia por levantarse. Se Castelao significaba o corazón emocionante, Bóveda era a mente organizadora e o brazo actuante». O rexedor municipal rematou citando a Nelson Mandela para reafirmarse en que «derribar e desfacer é moi fácil. Os verdadeiros heroes son aqueles que constrúen e traballan pola paz». Pechouse a homenaxe anual coa ofrenda floral e a interpretación do himno galego.