ARibeira Sacra teno todo para ser un destino turístico. Teno, pero tamén o fan os que nel (e del) viven. Os turistas cada vez teñen máis posibilidades de ocio cando visitan a zona. Xa non é só o catamarán (que tamén, sempre ateigado de xente) senón as viaxes en globo (con cheo, e iso que non é unha opción para todos os petos), o festival itinerante (que tan bos resultados deu hai pouco máis dun mes) e agora as rutas en segway. A zona é preciosa. Iso é indiscutible, máis tamén teñen unha morea de actividades que o converten nun atractivo turístico. Porque si, mirar está ben, pero, ¿canto se miran unhas vistas? Na Ribeira Sacra hai tempo que van moi por diante doutras zonas que poderían ter tamén ese ir e vir continuo de coches e acentos que denotan que o nome viaxa máis alá das fronteiras e veñen deste todos os lugares para gozar dos Canóns do Sil, dos miradoiros e da oferta que ten a zona. E claro, dos viños. Teñen un nome que souberon explotar moi ben e que xa todo o mundo recoñece, e agora estano enchendo de contido para facer que o turista que vén, queira regresar. A falta de actividades para facer é a eiva que teñen outros lugares turísticos que só lle poden ofrecer ao visitante mirar. E mirar é bonito, si, pero acabar por aburrir. A tendencia cando un viaxa é vivir experiencias, gozar dun lugar e vivilo desde dentro. Pero todo iso non se pode facer se a oferta gastronómica é limitada, se os museos só abren case que de causalidade e cando a oferta complementaria de ocio está composta en exclusiva polas verbenas nos pobos. Porque o turista busca cousas que facer, non todo nesta vida é mirar.