Baltar e Luis Caramés presentan a Revista académica internacional «Urban Public Economics Review»

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Ambos expuxeron a filosofía da publicación, que conta co apoio da Deputación de Ourense

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e o catedrático de Economía Aplicada da USC, Luis Caramés Viéitez, presentan a Revista académica internacional «Urban Public Economics Review»; unha publicación que conta co apoio da Deputación de Ourense desde o seu número 22. Baltar e Caramés, coeditor científico da publicación xunto ao catedrático francés Jean Michel Uhaldeborde, expuxeron a filosofía da revista e subliñaron o feito de que teña a súa sede en Galicia.

 Nos últimos anos, ás areas urbanas, nas que se inclúen as cidades medias, enfróntanse a cambios económicos de gran alcance, ao tempo que seguen ofrecendo interesantes oportunidades para o crecemento e a revitalización. A interacción destes retos e responsabilidades, xera importantes tarefas tanto para políticos como para investigadores.

 O mundo urbano, os seus problemas fiscais, financeiros e de organización, entre outros, gaña terreo co paso do tempo, así como a súa interacción co rural e as novas formas de urbanización difusa, verdadeiros entornos de transición. Entornos que se escapan dos modelos tipo do rural e do urbano e que reflicten a complexidade á que se somete a gobernanza actual dos territorios, sexan cidades, comarcas, provincias ou outras formas de organización do espazo e dos asentamentos poboacionais.

 A revista enfoca esta temática desde Galicia, pero aberta ao mundo. Ourense vai a ser tamén de agora en diante unha referencia. O seu consello editorial está integrado por académicos de institucións universitarias prestixiosas: Santiago de Compostela, Barcelona, Torino, Mount Allison (Canadá), Córdoba (Arxentina), Porto, Alcalá, Fribourg, París X, Morelia (México), Hunter College (Nova York), Rennes, Chile, Zaragoza, Georgia, Extremadura, La Plata (Arxentina), Business School (A Coruña), Sâo Paulo, Lausanne, Oviedo, así como do Banco Mundial, da Cepal e do Banco Interamericano de Desarrollo (BID).

 A publicación tamén considera que debe ofrecerse como soporte para traballos que se refiran á area iberoamericana, tan próxima a Galicia.

 O número 22 conta coas seguintes colaboracións: un artigo sobre a desigualdade rexional e o impacto da fiscalidade en México, que escriben Giorgo Brosio, da Universidade de Torino, Juan Pablo Jiménez e Ignacio Ruelas, ambos da CEPAI; outro, de Luis Caramés Viéitez, sobre a taxa turística e un terceiro, sobre a globalización e os tributos, de Noelia Garbero, Andrés César e Natalia Porto, da Universidade de La Plata.

 A UPER conta tamén co apoio do Grupo Colmeiro, de análise e debate, que preside o profesor Luis Caramés Viéitez e ten a súa sede en Santiago de Compostela.