O neno Xesús vaise de viños

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

27 dic 2019 . Actualizado a las 21:11 h.

Non serei eu quen defenda belén de ningunha caste. E máis nun suposto Estado aconfesional onde tal cousa é mentira e seguen primando os privilexios dunha corrente relixiosa. Tamén digo, é de lei, que gusto do traballo de Arturo Baltar polo recoñecemento e vencello persoal. Fóra da parte do propio feito da representación relixiosa, o Belén de Baltar amosa toda unha sociedade, uns oficios e uns costumes que xa forman parte da historia da cidade e do propio universo baltariano. Todo iso, que non é pouca cousa, convertido en arte polas mans do neno que creaba esculturas coas migallas do pan.

E chegados a esta encrucillada só queda dicir que sacar peito por ter o belén máis ridículo, chocalleiro e propio dunha entroidada calquera dá a medida de quen o fai. A repercusión mediática disque é o que importa para espallar a imaxe da cidade e o alcalde vénse arriba -«la gente se ríe de mí y soy alcalde» (?)-. Polo que se ve o obxectivo dalgúns pasa máis por formar parte da galería de famosos marxinais que de políticos capaces de desenvolver un proxecto de seu e deixar pegada na súa cidade: mellor Jesús Gil e Belén Esteban que Tierno Galván ou Fernández Lores.

Cavilei que un dos episodios vencellados á entroidada da Alameda tiña unha mensaxe simbólica, por aquilo de aparecer a imaxe do neno coas mans cortadas e asocialo ao que iso significa nalgúns países. Aínda que seica nin tal cousa e foi todo a acción dun comando ateo contra o imperialismo católico.

Agora o rapaz anda de viños pola cidade e seguro que mal non o pasa. Cando volva para a corte da Alameda, se tal fai, chegará feito un homiño.