Cando éramos cativos, na casa dos avós xogábamos ao frontón contra a fachada lateral. Subidos na azotea, alí pasabamos horas e horas dándolle á pelota. Tiña o seu aquel, que na azotea cada golpe dado con forza de máis supoñía ter que saltar á leira do veciño para recuperala. Ata que houbo un golpe que foi o final, aquel no que a pelota entrou... pola fiestra ata a metade do corredor. «Rompeu!», dixemos nós... «Acabouse!», responderon os maiores. Naquel rompeu nós diciamos o evidente (porque o cristal no había maneira de pegalo xa), mais negabamos outra evidencia máis, que era o de que rompera porque lle batéramos a pelota. Como se ao non dicilo, foramos menos culpables. Pois coma se cativos foran están estes días en ADIF. Desde o administrador de infraestruturas ferroviarias din que hai un vagón dun tren descarrilado en Valdeorras que «se precipitou» ao río Sil. Hai vídeos (varios, non un nin dous) que mostran unha pa escavadora dándolle un empurrón xeitoso... pero soa moito mellor que dicir «tiramos, lanzamos, empurramos...». Igual o que se precipitou é quen decidiu que aínda que tiñan o aviso de Confederación Hidrográfica Miño-Sil de que esa manobra non estaba autorizada (nin era autorizable tal e como estaba pensada), o mellor era seguir para diante. Isto tan ao estilo de «ti vai facendo» que tanto se leva usado... e tantos desgustos ten dado a moitos. Pero semella a que a alguén lle pareceu o recurso axeitado, total só sería unha mostra máis de que o Sil é o vertedoiro de Valdeorras. O río leva décadas sufrindo que o traten como un cubo do lixo. Pero xa non somos cativos. Xa non hai azotea.