Premiada e multidisciplinar con 17 anos

OURENSE

Miguel Villar

A ourensá Alba Guzmán gañou o Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non creo na especialización», di Alba Guzmán, quen amais de estudar 2º de Bacharelato pola vía bio-sanitaria no IES Eduardo Blanco Amor, toca o acordeón, fai teatro e cultiva xéneros literarios como a poesía, o ensaio e a narrativa. Foi esta última disciplina a que a fixo merecedora do primeiro premio da categoría xuvenil no cuarto Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. Bolboreta, o texto gañador, é unha narración de duascentas palabras que conta a historia dunha persoa transexual servíndose da metamorfose dunha eiruga como metáfora. «O que escribo sempre ten algún tipo de ensinanza moral ou crítica social», explica a estudante.

Esta ourensá de 17 anos que, afirma, escribe fundamentalmente en galego, vive ligada á literatura desde moi pequena: «Sempre lin moito e iso fíxome ter moitas ideas». Desde que no ano 2018 gañara un certame dunha asociación cultural, comezou a producir «máis e máis relatos» e seguiunos presentando a diferentes concursos. «Cando me din de conta, xa estivera por todas as provincias de Galicia recollendo premios e coñecendo a xente cos mesmos intereses ca min», apunta.

As súas referencias -aínda que asegura que le «de todo» e que hoxe por hoxe é mesmo capaz de devorar calquera cousa que lle poñan por diante-, cristalizan en moitos casos nos grandes da literatura negra e policíaca: «Gústame moito a novela de Edgar Alan Poe, Arthur Conan Doyle e o seu Sherlock, encántame Agatha Christie...».

Coa recta final do bacharelato por diante e as probas de acceso á universidade no horizonte, Alba explica que o seu verdadeiro problema é que lle gusta todo. «É raro, pero gústanme os hospitais. Estaría ben traballar neles», afirma. O que si ten claro é que quere estudar algo que lle permita seguir escribindo e «cultivando esas outras partes de min».