Mariví Núñez, presidenta de Cruz Vermella en Valdeorras: «Coa pandemia, xente que nunca precisara a nosa axuda veu pedila»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Mariví Núñez é voluntaria de Cruz Vermella desde 1993
Mariví Núñez é voluntaria de Cruz Vermella desde 1993 LOLITA VÁZQUEZ

No 2020, 3.000 valdeorreses participaron nalgún dos programas da ONG

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariví Núñez é enfermeira no Hospital Comarcal de Valdeorras. Con esa frase preséntase ela mesma, aínda que polo menos no Barco é difícil non saber quen é. Nacida no barrio de san Roque, habitual en eventos solidarios, faladora e cun sorriso sempre (que agora se adiviña na mirada e no ton de voz doce), non camiña cen metros sen saudar a varias persoas. E continúa presentándose: «A enfermería é a miña paixón. Aínda que antes fixen Maxisterio, tiña claro que o meu era coidar e levoume todo iso a facer Enfermería e a desenrolar o traballo que levo facendo, dez anos en atención primaria e o resto no hospital».

-E con esa premisa non era difícil pensar que acabaría en Cruz Vermella. ¿Como foi?

-Tomei contacto na etapa de Aurelio Blanco Trincado na presidencia. Daquelas xa organizaban cursos de primeiros auxilios e facíase todo aquí con persoal do hospital do Barco. Empecei a impartir a parte de enfermería, de atención a vendaxes, inmobilizacións e todo iso; e xa quedei como voluntaria. Era o ano 1993, o mesmo no que acabei de estudar Enfermería e xa empecei a dar eses cursos. Desde entón quedei como voluntaria, unhas veces máis activa e outras menos, por motivos persoais, pero sempre como voluntaria. E seguireino sendo sempre. Despois, fai uns dez anos, coa chegada de Mino Alonso á presidencia, xa asumín a vicepresidencia xunto a outras dúas persoas. E desde así a miña actividade foi constante.

-E agora dá o paso á presidencia.

-O verán pasado Mino díxome que quería deixalo [aínda que seguirá como vicepresidente] nuns meses e que pensaba que eu era a persoa. E aceptei. Asumín o cargo fai apenas quince días. Fágoo con moito ánimo e ganas de continuar co traballo que empezamos un día.

-¿Que suporá o cambio?

-A liña é a mesma: que é atención ás persoas que o precisen. Haberá ideas novas, e intentaremos que siga funcionando todo ben. Haberá aportacións novas, segundo vaian xurdindo programas; pero de momento estamos centrados en seguir na liña que xa tiñamos.

-¿Como afectou a pandemia á ONG?

-Como en todos os sitios, houbo que paralizar proxectos, aínda que sempre se mantivo o contacto telefónico cos usuarios que así o precisaban. Seguiu o traballo dos voluntarios, intentando chegar a todos aqueles que tiñan unha necesidade que non podía ser demorada.

-¿Medrou a demanda?

-Si, moito. No 2020 fixemos desde Cruz Vermella Valdeorras máis de 18.000 intervencións, que afectaron a 3.000 persoas, que é máis que en anos anteriores. Houbo moitos casos de xente que pola pandemia quedou sen traballo o e que precisou axuda, xente que ata agora nunca precisara da axuda de Cruz Vermella veu pedila.

-¿Xa conseguiron recuperar a normalidade?

-Aínda non. Estamos retomando todos programas, pero cunhas medidas moi estritas [para evitar contaxios] tanto por parte dos usuarios como dos traballadores e voluntarios, cumprindo todas as normas legais de número, pero estase empezando a recuperar a presenza física.

-¿Cal é o servizo con máis demanda?

-A atención a maiores é o programa por excelencia, e tamén temos o programa de xuventude e o de inserción laboral, que é moi importante. En conxunto, atendemos ás persoas en todas as facetas ás que podemos chegar. Iso si, agora faise dunha maneira distinta a como se facía anteriormente, porque aínda non se poden facer actividades en grupo grandes como tiñamos antes, pero aínda así estase atendendo a todo o mundo.

-¿Mantívose o número de voluntarios coa pandemia?

-Todos os anos sigue medrando o número. Tamén hai baixas, pero a tendencia é de subida ano tras ano. E iso non mudou durante a pandemia, senón ao contrario, aínda máis xente se acercou a Cruz Vermella para colaborar con nós. Hai quen colabora a diario e quen o fai de maneira esporádica.

-Antes da pandemia, Alonso estaba traballando para crear unha delegación en Trives. ¿En que punto está o proxecto?

-Seguimos traballando nese obxectivo.

«Non fai falta saír ao exterior para atopar persoas desfavorecidas»

Mariví Núñez traballa no hospital comarcal de Valdeorras, preside Cruz Vermella e colabora coa protectora de animais e con calquera colectivo que lle pida botar unha man. De feito, estes días está coidando a dous gatiños aos que a nai abandonou, así que anda enleada entre biberóns. Agora máis centran en axudar no seu entorno máis próximo, en tempos tamén foi cooperante internacional.

-Foi cunha ONG vinculada coa enfermería. Estiven en tres países distintos en dúas ocasións distintas: en Haití, despois do terremoto; en Níger e en Nicaragua. En todas esas viaxes eu traballaba en formación, na capacitación do persoal sanitario, co obxectivo de fortalecer a saúde pública. O caso de Níger foi especial porque o programa rematou aquí. Veu unha delegación para finalizar a súa formación no hospital de Valdeorras. Inicialmente era para que foran a Madrid, pero acabaron aquí. Creo que foi moi importante, para os profesionais que estiveron no Barco e tamén para o HCV, que se abriu ao mundo.

-Agora decidiu parar a asistencia internacional e centrarse na comarca.

-Si, agora estou máis centrada en axudar aquí. Non fai falta saír ao exterior para atopar xente desfavorecida. Agora quero seguir a miña labor nese tema, porque me enche e porque creo que estou capacitada para elo. O que quero é axudar no meu entorno máis próximo, facer todo o que estea ao meu alcance a través de Cruz Vermella. Agora tócame estar un pouco máis á fronte, dar a cara, e seguirei traballando como viña facendo ata o de agora, pero sendo a cara visible. E conto co apoio de Mino Alonso, o anterior presidente, que seguirá na vicepresidencia, foi algo así como unha inversión de papeis, pero seguiremos colaborando.