Será por bancos e miradoiros!

m. cobas / m. rodríguez / x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A provincia de Ourense presume de espectaculares vistas por todas as súas comarcas

20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñamos que a culpa de todo a repartimos a partes iguais entre un veciño de Loiba (Ortigueira) que instalou un banco para gozar das vistas da ría ao quieto e o descoñecido que gravou na táboa aquilo de «O mellor banco do mundo». Sexa como for, dende aquela esfarelouse por toda Galicia a febre «do mellor»; falemos de miradoiros, bancos, bambáns, vistas ou o que se nos ocorra. A provincia de Ourense non quedou atrás e por toda ela se reparten miradoiros, bancos e bambáns para gozar das paisaxes e a xeografía ourensá e das zonas lindeiras, sexan estas das provincias de Pontevedra e Lugo ou do norte de Portugal.

O privilexio da Ribeira Sacra

Cun escenario acaído para contar con enclaves singulares de amplos horizontes, a Ribeira Sacra goza dunha chea de miradoiros repartidos polos concellos ourensáns -o mesmo que ocorre coa zona lucense-. A coñecidas referencias tradicionais, como os Balcóns de Madrid (Parada de Sil), se teñen sumado nos últimos anos espazos como os miradoiros de Cabezoás, Castro e o da Columna -no mesmo municipio-, o de Matacás (Castro Caldelas) ou o da Alberguería, onde os membros de Móvete por Nogueira instalaron «O mellor banco da Ribeira Sacra». Tamén foron eles os creadores do bambán de Monteverde. E a lista segue...

Celanova, desde a cruz

O Outeiro da Obra ou monte da Cruz é unha popular zona verde do concello de Celanova, lugar habitual de xuntanzas de amigos para magostos ou merendas campestres. Desde a cruz hai unha vista completa de toda a vila de Celanova e do mosteiro de san Salvador no seu esplendor.

Baixa Limia nunha ollada

O mirador do Viso, no santuario onde se celebra a romaría mariana do mesmo nome, en Lobeira, permite ter unhas vistas privilexiadas da Baixa Limia e de parte do Xurés. Na comarca hai outros puntos, como o miradoiro do Xurés, na estrada de Bande a Muíños, ou o do Pedreiriño, perto de Terrachán (Entrimo), con vistas á serra do Xurés e co encoro do Lindoso ao fondo.

Polas Terras de Trives

No alto dunha pena, en Pena Folenche (Trives) está un mirador desde que o ver a primeira paisaxe protexida, a do Val do Navea (que tamén ten miradoiro propio na estrada que vai ao pobo), e as montañas de Cabeza de Manzaneda e Trevinca só con ir andando arredor.

En varios puntos de Valdeorras

O miradoiro do Barranco Rubio na Rúa leva anos sendo un punto de referencia para gozar das vistas do val. No Barco ben vale visita o que está no alto da rehabilitada Torre do Castro, polo seu deseño moderno en aceiro cortén. No Bolo hai un ao pé da estrada en dirección a Viana que permite gozar do santuario das Ermitas desde a distancia.

Do Ribeiro a Padrenda

Entre outras referencias destacadas están os miradoiros do Curro do Faro (Carballeda de Avia), A Franqueirán (Ribadavia), Os Chaos (A Arnoia), Padrenda, Toén, O Viso (Lobeira), da Serra do Xurés (Muíños) ou o de Santigoso (A Mezquita), entre outros.