«Facer 'A lingua das bolboretas' nesta cita do 40 aniversario foi como volver á casa»

Javier González Sobrado
javier g. sobrado OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Sarabela Teatro representou a obra de Rivas onte no seo da MIT de Ribadavia

23 jul 2021 . Actualizado a las 11:48 h.

Case 80 anos de teatro galego viviron un encontro onte sobre o estrado do auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Por unha parte, os 37 que con esta edición leva a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia sendo o facho que alumea a senda da escena galaica, e por outra, os 40 -xa 41 realmente- que Sarabela leva actuando de timonel desa pequena gran embarcación da dramaturxia do país.

Foi aló polo ano 1980 que as inquedanzas creativas de varias persoas cristalizaron en Ourense co nacemento de Sarabela Teatro. «Foi unha idea feliz, pura necesidade de embarcarnos nun proxecto común», rememora Ánxeles Cuña, actual directora da compañía -ainda que non participa como tal en A lingua das bolboretas- e membro fundador do grupo. Esa necesidade de «osixernarnos e expresarnos», que di Cuña, empurrou ao equipo a nunca pecharse, formándose en disciplinas moi diferentes e actuando, en ocasións coma un auténtico «banco de proba». Pero iso si, con constancia do real e servíndose diso para avanzar. «Sarabela foi medrando porque estivo sempre comprometida co tempo que viviu», explica Cuña.

Hoxe, corenta e un anos despois, con máis de sesenta premios na maleta e tendo protagonizado algunhas das instantáneas máis importantes da dramaturxia galega das últimas catro décadas, o núcleo de Sarabela -«sempre digo que somos coma neptuno, hai un planeta central e despois moitos aneis que nos acompañan e nos arroupan», conta Ánxeles- está formado por, amais da directora, as cofundadoras Sabela Gago e Elena Seijo, e os últimos en chegar á zona irradiadora pero non menos importantes, Fernando Dacosta e Fina Calleja. Ainda que ao enumeraren este equipo, Ánxeles Cuña non se esquece dos finados Suso Díaz e Begoña Muñoz, «dúas persoas ás que estrañaremos eternamente pero que seguen con nós».

Onte, A lingua das bolboretas pousou sobre a escea do Castelo a enerxía e o sentimento de todos estes anos, nunha representación que, en verbas de Fina Calleja, «para nós, nesta cita do corenta aniversario, foi como volver á casa». A actriz e produtora artística ourensá valora profundamente o retorno a traballar sobre a obra de Manuel Rivas -«un autor fetiche para nós», confesa- e a volta de Sarabela á MIT. «Dicir que o festival de Ribadavia é importantísimo na historia do teatro galego é quedarse curtos», admite Calleja.

Neste caso a peza, que contou tamén con pegadas doutro conto do autor coruñés, A traxectoria do balón -que fai máis énfase no papel da muller en tempos como os da guerra-, tirou da capacidade da historia para apelar á humanidade a través da fascinación polo coñecemento que Don Gregorio lle transmite a Pardal.

Así, Ribadavia e a MIT puideron mirar unha vez máis a través dos ollos de Pardal e descubrir como a curiosidade e a apertura de miras que suscita a beleza do mundo pronto poden voltar no odio, a barbarie e a pechadura de mente que traen baixo do brazo a ditadura e a guerra.