Juan Manuel Casares: «Temos a foto real do Ribeiro, agora hai que recuperar 1.200 hectáreas»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O presidente do Consello Regulador do Ribeiro cre que o futuro da denominación pasa «por facer atractiva a viticultura para os mozos»

05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda estes días Juan Manuel Casares Gándara (Ourense, 1967) máis hiperactivo do normal. E non é para ben. A saraiba e o pedrazo do pasado martes estragaron vides nunha ampla zona da denominación de orixe Ribeiro. As perdas máis importantes están centradas en plantacións situadas nos concellos de Leiro, Cenlle e Boborás, nomeadamente en parcelas de Pazos de Arenteiro, Rioboo e Gomariz, entre outros lugares. San Amaro, con parte do seu territorio amparado pola DO, tamén se viu afectado. O teléfono ferve e o presidente do Consello Regulador do Ribeiro canaliza as actuacións e a recollida de información para tentar dar axiña a mellor resposta posible. Mentres se avanzan datos ao respecto da superficie afectada, o presidente do Ribeiro opta por agardar para facer unha reflexión sobre o acontecido.

—Ten unha valoración de como afectou a treboada ao viñedo?

—Non é o tempo de facer valoracións cando aínda estamos pendentes do que poda pasar e de se temos novos episodios deste tipo. Chegado o momento, cos datos enriba da mesa, poderase falar diso. O que si teño claro é que vou reclamar para os viticultores e adegueiros do Ribeiro as mesmas axudas e o mesmo tratamento oficial que tiveron outras denominacións de orixe en episodios semellantes. Por menos diso non paso.

—En que grao afectará ás previsións da vendima?

—O comezou do verán non foi bo e iso fixo que o viñedo non progresase como debería. Agora isto. Non é o meu estilo facer previsións de vendima, as estimacións case nunca son certas e podes crear unhas expectativas que logo non se cumpren.

—Leva catro anos de presidente do Consello Regulador do Ribeiro. Materializáronse as súas expectativas para esta etapa?

—Cumpríronse o día 4 de agosto, polo que na actualidade son presidente en funcións. Os meus obxectivos están cumpridos ao 95 %. Collín a denominación nunha situación lamentable -desde o punto de vista económico- e a Ruta do viño do Ribeiro, que tamén presido, nun estado aínda peor. Nun ano estará saldada a débeda do Consello Regulador e en dous a da Ruta do viño.

—A perda de superficie agraria é o cancro da denominación?

-O Ribeiro co que me atopei era ficción, unha irrealidade. Oficialmente a denominación de orixe figuraba con 2.320 hectáreas amparadas e máis de 5.600 viticultores. Encargamos un estudo para ver cal era a realidade e a mesma é demoledora: temos 1.300 hectáreas produtivas e son 1.600 os viticultores.

-A localización de terras potencialmente recuperables é a solución ao problema?

—A Xunta promoveu a iniciativa para atopar zonas onde se puideran recuperar para destinar á plantación de viñedo. Nós, no Ribeiro, localizamos máis de 1.700 hectáreas. As 31 zonas, ou polígonos, xa sinaladas no seu día. Temos a foto real do Ribeiro, agora hai que recuperar 1.200 hectáreas de viñedo para redimensionar a denominación de orixe e recuperar a nosa base territorial.

—O relevo xeracional segue a ser a materia pendente?

—A idade media dos nosos viticultores é de máis de 65 anos. E logo temos o problema do minifundismo. Hai relevo xeracional, máis non é suficiente para compensar o abandono que se rexistra ano a ano. Para facer atractiva a viticultura para os mozos teñen que darse unhas condicións que garantan poder desenvolver o teu proxecto vital con garantías de futuro. Para profesionalizar hai que contar coas condicións e a superficie necesaria. A aposta polo rural ten que ser firme e decidida, senón non resultará.

—A análise é coñecida de vello. O reto está en darlle unha solución?

—Traballamos niso. Obviamente a recuperación de superficie para plantar viñedo é unha alternativa moi acaída. E logo temos, dende o Consello, unha ferramenta para traballar neste sentido. Non me pregunte cal é porque non se coñecerá ata que a presentemos.

 

«Contamos cun patrimonio arquitectónico vencellado ao viño único no Estado»

No seu discurso agroman dúas realidades que o presidente do Consello Regulador do Ribeiro repite como o seu mantra particular: que os viticultores e os adegueiros son os verdadeiros heroes da comarca e que a súa é paixón polo territorio. Sinala que O Ribeiro «é viticultura e moito máis: un patrimonio arquitectónico vencellado ao viño único no Estado, un termalismo que é motor económico da zona e sector complementario da actividade principal na comarca, paisaxes, cultura, historia...».

—Que foi do plan estratéxico?

—En febreiro do 2020 presentamos na Arnoia o estudo socioeconómico e estratéxico do Ribeiro. Chegou a pandemia e non se puido desenvolver. Da calidade e importancia do mesmo dá conta o feito de que o conselleiro o fixo seu e converteuse en estratexia para os outros consellos de Galicia.

—A pandemia tronzou o progreso da denominación?

—Sen dúbida. Deixouse de vender máis do 53 % a nivel do Estado e aí foi onde quedou patente a importante fenda dixital que temos. O Consello tivo que implementar unha serie de medidas para darlle saída a unha produción que no 65 % se vende na canle Horeca -hoteis, restaurantes e cafeterías- e campañas como Treixadura modo Ribeiro chegaron para quedarse.

—O seu sinal de identidade será a aposta polos novos formatos?

—O obxectivo pasa por espallar a nosa imaxe para que se nos coñeza e cheguemos a moitos máis sectores e potenciais clientes. As redes, as campañas de promoción, os festivais de música ou proxectos como a película Cuñados -que está xerando un grande interese e gañas de coñecer O Ribeiro- son esenciais para que se nos visibilice moito máis e mellor. E contar co apoio da Deputación de Ourense para estas iniciativas está sendo fundamental.

Un amante da terra, do rock e apaixoado do Atlético de Madrid

O presidente en funcións do Consello Regulador do Ribeiro resposta axiña, ten claros os obxectivos e por onde pasa o futuro. Incide no enoturismo e nomea toda unha serie de potenciais accións a desenvolver, fala das vantaxes que traerá consigo a posta en marcha de O Camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro no que está a traballar un equipo multidisciplinar, lembra as medallas de ouro conseguidas polos ribeiros en concursos nacionais e internacionais -«estamos empezando a recoller o que merecemos»-, sinala que a unidade e a visión de territorio son as claves para afortalar o futuro da denominación de orixe e repite que o mérito de todo isto é dos viticultores e adegueiros. Veterinario de formación e inspector da Consellería de Medio Rural, Juan Manuel Casares declarase un «namorado desta terra». É autor dun libro sobre o pensamento político de Florentino López Cuevillas e colabora con artigos en revistas e publicacións. No seu perfil o viño do Ribeiro e as referencias a Solovio -o coñecido personaxe de Otero Pedrayo- son unha constante.

—A escrita é a súa afección?

—Gústame escribir. Todos temos algo que dicir e sempre é bo opinar con respecto ao que está a pasar ou o que acontece ao noso arredor.

—Só na Internet e en publicacións ou traballa en algo?

—Teño material que fun recompilando nesta pandemia. Son textos a xeito de reflexións que fun elaborando neste novo tempo de crise sanitaria e que vou ordenar para publicar nun libro.

—A música é outra das súas temáticas cotiás.

—Son citas a cousas que forman parte do meu percorrido vital e do que fun gozando ao longo da historia. Aínda que é un apartado moi esquecido, e que xa queda lonxe no tempo, sempre me gustou o rock duro. Miguel Ríos era o meu ídolo. E tamén gocei co heavy metal.

—E padece como atlético.

—Son as dúas cousas nas que non había antecedentes na miña familia: veterinario e colchoneiro. O que desexa todo o mundo é seguir a un equipo que gañe. Ser do Atlético de Madrid é un sentimento, algo que lle dá coherencia á túa vida. Sufridores? Para nada! A familia, que gañe o Atlético e O Ribeiro son as miñas paixóns.