María del Carmen Vázquez: «Estou desexando que chegue o luns para ir ao colexio a traballar»

OURENSE

Este venres celebraron no Simón Bolivar de Puebla os vinte anos de vida do proxecto educativo
Este venres celebraron no Simón Bolivar de Puebla os vinte anos de vida do proxecto educativo Cedida

Criada en Rubillón, neste pobo de Avión está o espazo familiar ao que volve cada ano unha muller que encontrou na docencia a súa vocación

06 sep 2021 . Actualizado a las 18:40 h.

«Chano Piñeiro foi a primeira persoa que me fixo unha pregunta que realmente nunca souben contestar. Díxome: ‘Entón onde prefires estar; aquí en Rubillón ou en México?’ Supoño que se os meus pais ou os meus avós tivesen atopado os medios para ter vivido ben aí en Rubillón, México nin tan sequera tería sido unha opción. Aínda a estas alturas da miña vida non teño nin idea de que contestar». E niso segue cavilando María del Carmen Vázquez Aguirre, directora xeral do Colexio Simón Bolívar de Puebla.

Como tantos fillos de emigrantes ela desenvolveu a súa vida nas dúas beiras do océano e semella a imaxe tipo dos usos e costumes que marcaron a vida deste colectivo durante décadas. Aínda que nacida en México xa estaba en Avión cun ano de vida, volveu de novo a América e outra vez a Rubillón aos cinco anos. Aquí recibiu a educación e mesmo casou moi nova -con 17 anos e na Toxa- con outro fillo da diáspora. A historia non funcionou e casa de novo uns anos máis tarde en Puebla, aos trinta, cun descendente de emigrantes asturianos. Rematou no ensino, sen buscalo, e confesa namorada da profesión: «O meu é vocacional. Estou desexando que chegue o luns para ir ao centro a traballar».

Os «pijos» de Pontevedra

Cando o seu avó enfermou, ela retornou a Galicia. Volveu a México e quedou de volta aquí cando a súa avoa ficou viúva. «Cando cheguei ás Doroteas de Pontevedra era o becho raro da clase. Fora á escola en Rubillón e só falaba en galego. Estabamos dúas: eu, que era a paleta do pobo, e a filla dun peixeiro da cidade. E logo as fillas de todos os pijos de Pontevedra».

E as voltas da vida fixeron que ela rematase dedicando a súa vida profesional ao ensino. «Tivemos unha nenas e pensamos en facer o que aquí se chama Home Schooling, que é non enviar aos nenos ao colexio e educalos na casa. Aquilo non resultou: as rapazas en termos académicos ían ben, pero a parte da socialización era un desastre. Total, que rematamos meténdonos no mundo da educación». Había persoas en Puebla que «querían abrir un colexio dedicado a facer labor social e o Simón Bolívar atende a unha comunidade marxinal -no cinto industrial da cidade- onde as nais son o sostén económico primario desas casas. E así empezou a cousa». Licenciouse en Ciencias da Educación e, vinte anos despois, o centro segue a ser un referente para «os fillos das recamaristas -mulleres que limpan os cuartos nos hoteis- e dos obreiros das fábricas. Este proxecto é a historia dun montón de xente que me quixo axudar e que me levou da man». Ve un horizonte de moitas sombras no sector no futuro próximo: «Levamos ano e medio sen traballar no modelo presencial e aínda que nós estamos equipados e temos preparados aos nosos profesores para o ensino virtual, o sector público non está ao nivel: mandan aos rapaces ver unha canle de televisión, o profesor envía unha mensaxe cos deberes, os alumnos responden polo mesmo medio e así rematou a semana. En dez anos veremos as consecuencias disto».

María del Carmen Vázquez en la Biblioteca Palafoxiana de Puebla
María del Carmen Vázquez en la Biblioteca Palafoxiana de Puebla

Sempre lúcida e con criterio, María del Carmen Vázquez Aguirre fixa as súas opinións axiña, sen dubidar. Sobre a pandemia ten claro que «aquí está pegando moitísimo. As cifras? Isto é México e aquí morre a xente que o presidente di que morren» e ve na violencia o cancro do país: «Hai zonas moi perigosas e iso fai que poda parecer que o resto do país é tranquilo. Diso nada. A un amigo dos meus fillos decapitárono e tiraron a cabeza por un lado e o corpo por outro».

Traxectoria vital

Da quinta de 1965, María del Carmen Vázquez Aguirre ten cinco fillos e unha paixón: o pobo de Rubillón, en Avión. Confesa que a nena que foi «necesita regresar ás raíces para poder saír de novo á vida. México deume todo, mais non podo evitar ser o que son. Criei aí, en Rubillón están as miñas amigas da infancia e está soterrado meu pai. E mentres poda seguirei retornando. (Silenzo) Francamente, si necesito recordar quen fun para poderme manter». Hai anos que recuperou un dos edificios das antigas minas de volframio de Valiño, explotadas polos ingleses ata 1936. Alí traballou o seu avó como capataz e a empresa saldou a débeda con el con terras e casas da mina. Restaurar foi un acto amor e de lembranza: «Foron tantas as historias que compartiron meu pai e mes tíos sobre esa casa. Darlle una nova vida á mesma é unha maneira de honrar todo o que significan eles nesa historia e na miña en particular».

Puebla, un referente

O municipio de Puebla -Heroica Puebla de Zaragoza- é a capital do estado do mesmo nome e a cidade máis poblada. Situada no val de Puebla-Tlaxcala, a urbe é un destacado centro industrial e conta cunha poboación de 1,7 millóns de habitantes. É a cuarta cidade máis grande de México. Foi fundada en 1531 como Puebla de los Ángeles e o seu casco histórico é Patrimonio da Humanidade da Unesco.