O Señor O Destino da Primitiva é de Ourense

Por X. M. Rodríguez

OURENSE

benito ordoñez

O actor Héctor Carballo comezará nos próximos días a xira coa montaxe «La función que sale mal»

23 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Míreo ben. Cavile un chisco. A que o coñece de algo? Non, non é o fillo da súa veciña -bueno, ao mellor si. Todo é posible- e tampouco o neto daquel que foi presidente da comunidade de montes na aldea. Reparou xa? Non. Logo haberá que darlle algunha pista: viuno na televisión unha morea de veces, e mesmo estaba nuns carteis que campaban no bar onde sellaba a Quiniela, a Primitiva ou o Euromillón para ver se desta ía e compraba un descapotable ou deixaba de se erguer cando aínda é noite para ir traballar. Efectivamente, é el! É o Señor O Destino, o que durante cinco campañas publicitarias de Loterías e Apostas do Estado estivo a lle lembrar todo o que podería facer e os soños que estaría en condicións de realizar se lle tocaba a Primitiva. O actor ourensán Héctor Carballo foi o encargado de interpretar ao Señor do destino naquelas campañas que hai nada que remataron e das que garda un excelente recordo. «É o único que levo feito en publicidade pero a verdade é que quedei moi contento. Había moi bo ambiente e xa fomos collendo confianza e ao final mesmo nos animaban a facer propostas para as campañas e adaptaban o que lles parecía que podía ser interesante», sinala.

Formado en Ourense, Héctor Carballo decidiu no seu día marchar a Madrid para seguir coa súa aprendizaxe e para buscar novas saídas profesionais. Ten participado en varias series de televisión e montaxes teatrais. «Agora estou gravando para unha serie de TVE que se estreará en decembro e andamos cos ensaios para saír de xira». Logo de dous anos en cartel en Madrid, a montaxe La función que sale mal comezará a xirar e ten o seu primeiro destino en Barcelona. Ata xuño andarán de bolos por diferentes cidades. Non, non vai poder velo en Ourense: «Non está previsto. Temos confirmado Vigo e pode que vaiamos á Coruña».