O desenvolvemento agroindustrial

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que se debate sobre os fondos Next Generation da UE sempre recordo que Galiza, dende a entrada de facto no 1986 na Comunidade Económica Europea, leva a recibir cartos para acadar un desenvolvemento á par do cerne europeo. A meta non se acaba de atravesar.

Chama a atención como a provincia que se vai baleirando co paso dos anos non atina coa solución precisa, co tapón de cortiza que terme do capital humano. O tapón do xurro, ise, tampouco aparece, como se dende a Consellería padecesen de estrabismo, non poñen o ollo onde está o problema.

O TSXG corrixe e paraliza unha granxa en Rairiz de Veiga que ía duplicar o número de animais autorizada pola Consellería de Medio Ambiente. Poñamos o foco no desenvolvemento agroindustrial: como provincia encontrámonos coas eivas de planificación e estratexia que se arrastran dende fai décadas. ¿Avanza o sector cara un desenvolvemento sostible no tempo? Poño dous exemplos: Francia propón para 2025 que as materias primas para alimentación animal sexan francesas nun 80 %, o restante 20 % (importado) que cumpra criterios de sostenibilidade. Por outra banda, Países Baixos e Alemania optaron pola xenética e pola tecnificación, incluídos os tratamentos de xurros. Atopámonos nun momento chave, xa que non temos control da materia prima para alimentar polos e porcos -soia principalmente-, nin da xenética das estirpes, nin da tecnoloxía para a industrialización. Asemella que nos converteron nunha despensa de proteína barata, pero sen producir outras externalidades positivas, como poden ser compañías de alto impacto biotecnolóxico ou de enxeñaría agraria avanzada. Se a estratexia pasa por medrar simplemente cun factor intensivo de man de obra, o futuro non parece moi esperanzador, ao basearse en braceiros e non en desenvolvemento técnico. Sumo a estes datos que a China, no mes de decembro, reduciu significativamente a importación de carne de porco, que o mercado da soia está tensionado e que o consumidor comeza a valorar a redución da inxesta de carne nos seus hábitos alimentarios. ¿Servirán os fondos Next Generation para transformar o campo ourensán? ¿Serán as aldeas modelo do conselleiro a solución? Creo que nesta nova rolda de financiación europea, as políticas da Xunta, non teñen a capacidade de transformación que o país precisa.