César Llana Rodríguez, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia: «Os museos teñen que dar resposta ás necesidades da sociedade actual»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O espazo do Ribeiro garda nos seus fondos coleccións como a de Abrente

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña claro Manuel Chamoso Lamas que O Ribeiro contaba coa singularidade e o potencial para ter un museo de seu. E na súa rede de espazos para Galicia non podía faltar un dedicado a unha realidade que non era allea na casa familiar de Moldes (Boborás). En 1969 nacía o Museo de Artes e Costumes Populares, proxecto que non tivo unha vida fácil —foi mesturando etapas de apertura con tempadas nas que estivo pechado—, ata que o 18 de maio do 1986 volveu para quedarse xa de xeito definitivo e foi o ano 1993 o que marcou a actual realidade, ao independizarse como institución do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Ás instalacións do Museo Etnolóxico de Ribadavia chegaba a traballar no ano 2003 César Llana Rodríguez (Pravia, 1958) —que viña do espazo expositivo do castro de Viladonga— e dende a xubilación de Xosé Carlos Sierra, no 2016, está ao cargo da entidade con sede no antigo pazo de Baamonde, no casco histórico de Ribadavia.

—O Etnolóxico é o gran descoñecido dos museos da provincia?

—Ao mellor non, pero o que si está claro é que ao contar cun museo etnográfico nunha vila obviamente non tes a mesma afluencia de visitantes que nunha cidade. Con todo, nós temos unha singularidade e un amplo abano de actividades que son o noso valor engadido. Nun ano tan difícil como o 2021 pasaron por aquí máis de 9.000 visitantes, o que non está nada mal dada a situación derivada da pandemia.

—Con que se pode atopar quen se achegue ata aquí?

—Nós traballamos en dúas vertentes: por unha banda a oferta expositiva e, por outra, as actividades que se desenvolven ao longo do ano. Na primeira temos mostras sobre a olería —a partir dos nosos fondos—, a da tradición do téxtil, a referida á pesca fluvial —tamén con material propio— , a colección Abrente e a de San Cipriano o Mago. Na actualidade contamos ademais coa do gravador portugués Almada Negreiros. No apartado de actividades organizamos dúas mostras de cine ao ano —os ciclos Marxes Fílmicas e Miradas Etnográficas—, acollemos presentacións de libros, encontros, propoñemos sesións de poesía e moitas outras iniciativas. No día a día as visitas e as consultas referidas aos nosos fondos centran a actividade da xente que se achega ata aquí.

—A dinamización é o modelo dos novos tempos?

—Os museos teñen que dar resposta ás necesidades da sociedade actual. Naceron como espazos visitables para unha élite que coñecía o valor das cousas, pero todo iso mudou. Non se trata de falar do pasado senón tamén do presente e de buscar solucións para o futuro. Na actualidade os museos teñen un enfoque máis pegado á sociedade e ao papel de convidar á cidadanía a ser crítica.

—O Ribeiro é a esencia?

—Estar nunha comarca vitivinícola como esta obviamente marca, e todos os oficios relacionados co viño están presentes nos contidos xerais do museo. E outras actividades; de feito incorporamos unha tenda-bar que había en Xubín. Cando pechou os seus propietarios fixeron a doazón dos materiais. Tamén desenvolvemos un arquivo oral no que imos rexistrando a vida cotiá dende os anos 40. Xeralmente son persoas que tiveron algunha actividade ou protagonismo social e que aceptan participar nesta proposta. O museo traballa en tres frontes destacadas: investigacións concretas, actividades vencelladas co zona e proxectos que a institución impulsa.

—Contan con moitas doazóns?

—A maior parte dos fondos do museo proceden de doazóns. Ao ano non baixan de dez, de media, e van dende a persoa que trae unha peza aos que aportan coleccións enteiras, como un laboratorio completo dun enólogo que data dos anos 40.

—Asociación Abrente, Sánchez Orriols, Rubén García... Teñen máis coleccións documentais?

—Fondos como os do legado de Chucho Sánchez Orriols, Rubén García, Meruéndano, a familia Docampo e outros son unha parte fundamental do noso patrimonio documental. Os ribadavienses, e moita outra xente, manteñen unha relación especial coa institución: Emilio Carlos García fixo unha doazón de materiais de cine —películas, libros, revistas e outros fondos— que non collen nun contedor. E o caso de Abrente foi paradigmático.

—En que sentido?

—Que unha asociación teña todo gardado é algo excepcional. E que o doen no seu conxunto aínda máis. E cando digo todo falo con coñecemento de causa: aquí está dende a súa colección de arte ou os orixinais dos premios Abrente de teatro ás notas que facían para recordar encargos pendentes... ata entregaron a caixa de metal que tiñan para o diñeiro con billetes e moedas dentro. Aquí temos o único orixinal completo de As laranxas máis laranxas de todalas laranxas, de Carlos Casares.

«O do Viño de Galicia ten vocación de país, é a referencia para o sector»

En xullo do 2019 abría ao público un proxecto longamente demorado. O Museo do viño de Galicia ten a súa sede na antiga reitoral de Santo André de Camporredondo e a iniciativa foi sumando retrasos dende a proposta inicial de recuperación do edificio por parte dunha escola taller. Nacido con vocación de país, o espazo expositivo é un centro de titularidade da Xunta de Galicia e a xestión está vencellada ao Etnolóxico. O seu director destaca o potencial e a capacidade de liderado do centro de Ribadavia no sector.

—Dende que se anunciou a creación do Museo do viño de Galicia ata a súa apertura foron nacendo iniciativas por varias denominacións de orixe. Esta circunstancia inflúe na actividade?

—É certo que pasou tempo ata que se materializou a súa posta en marcha, pero non creo que iso teña repercusión no proxecto. O museo ten vocación de país, é dicir, é o centro de referencia de Galicia neste sector e o obxectivo é que entre todos incidamos nun obxectivo común: aproveitar as sinerxías das denominacións de orixe para dar unha imaxe e espallar fóra que temos os mellores viños e unha ampla variedade de castes e propostas. Hai que superar os localismos para traballar nun obxectivo común.

—Consolidouse a oferta neste tempo?

—Polo Museo do viño de Galicia pasaron o ano pasado máis de 8.000 visitantes. Se temos en conta que non abre todos os días é unha boa resposta.

—No caso de Santo André a proposta é só expositiva?

—Non. Hai visitas guiadas nos días de apertura, dúas sesións, tamén dirixidas ao público familiar nas fins de semana. Ademais de presentacións e catas. E dende o Museo do viño de Galicia lideramos proxectos implicando a todas as denominacións, ciclos como o organizado coa UNED, catas sonoras e mesmo temos promovido publicacións. Hai moitos proxectos en marcha.

 

Unha grande exposición fotográfica como desexo pendente

César Llana Rodríguez formouse na universidade de Compostela e confesa que non entraba nas súas previsións rematar desenvolvendo o seu traballo nun museo. A súa paixón era a arqueoloxía e nalgunhas campañas participou. Doutorouse en Prehistoria e estivo traballando en Cova da Valiña (Castroverde) e Vilalba. Tamén se foi cunha beca a Setubal. Este arqueólogo de formación rematou de museólogo e a Ribadavia chegou dende o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga (Castro de Rei). Recoñece que o espazo do Ribeiro é onde se sente a xeito e que nunca valorou mudar de destino. Aínda que oportunidades tivo.

Sobre a súa mesa de traballo moito material fotográfico, unha das facetas nas que o Museo Etnolóxico de Ribadavia leva destacado dende hai tempo.

—Cantas coleccións ten incorporado o centro?

—Nos nosos fondos están as de Foto Chao de Ribadavia —que foron varias xeracións de fotógrafos—, o Arquivo Llanos, o de Bene, o que aínda quedaba en Ourense da familia Pacheco e fondos de Hipólito Rodríguez, Juan Antonio Gómez, Ricardo Sotelo, o marista Manuel Rodríguez e outros materiais. Tamén é moi importante o apartado de imaxes dos veciños, fondo co que fixemos sete edicións do proxecto Álbum familiar.

—A canto ascende o arquivo?

—Non podería dar unha cifra exacta pero está por riba do medio millón de imaxes, das cales só temos catalogadas unhas 30.000.

—É o centro de atención de cara ao futuro?

—A fotografía é un material que como documento aporta moita información, e sobre diversos aspectos. A miña ilusión é facer unha grande exposición fotográfica no museo, aínda que probablemente non o faga nunca.

Quen son

«Un asturiano que se sente perfectamente adaptado e adoptado en Galicia; fácil de ilusionar, aínda que un pouco caótico e instalado na dúbida. Prehistoriador de formación, cheguei ao mundo dos museos por casualidade e neles atopei bos mestres grazas aos cales, e ás miñas compañeiras de traballo, algo vou aprendendo desta profesión coa que disfruto»