O Ribeiro divulga a súa historia nun documental centrado na figura do arrieiro

La Voz

OURENSE

César Fernández, Juan Casares y Gabriel Alén en la presentación del documental
César Fernández, Juan Casares y Gabriel Alén en la presentación del documental Miguel Villar

O traballo de Xoel Méndez foi presentado no Teatro Principal

23 feb 2022 . Actualizado a las 22:05 h.

A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, que preside Juan Casares, presentou no Teatro  Principal o documental «O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro». O traballo, que contribuirá a promocionar á denominación de orixe vitivinícola é unha viaxe na compaña deste histórico personaxe polos camiños que levan do Ribeiro a Compostela. A capital de Galicia foi durante séculos o mercado preferente da comarca. Na presentación participou a directora xeral de Turismo, Nava Castro.

O traballo audiovisual, obra de Xoel Méndez, enmárcase dentro das accións de promoción e posta en valor deste territorio e da súa oferta enoturística que a Ruta do Viño do Ribeiro impulsa dentro da súa marca enoturística «O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro», segundo se recordou onte dende o Goberno galego.

Juan Casares lembrou na presentación que unha das finalidades das accións desenvolvidas dende a Ruta do Viño do Ribeiro e o Consello Regulador do Ribeiro é a de «espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron motores económicos da nosa terra, así como poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debe ser reivindicado». 

No acto do Principal Nava Castro destacou a colaboración estreita que a Xunta desenvolve coas cinco Rutas do Viño de Galicia, baixo o paraugas da iniciativa Enoturismo de Galicia, a través de cal se desenvolven accións de mellora da comercialización da oferta enoturística galega ou iniciativas como as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que o ano pasado moveron a máis de 2.000 persoas nestes territorios. Castro destacou que o enoturismo é un «turismo dun alto valor engadido, que permite avanzar na desestacionalización e na loita contra o despoboamento destes territorios rurais que teñen na viticultura e do enoturismo unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro».