A Deputación leva os actos da Semana da Árbore e a Auga a sete mil escolares
OURENSE

A programación das actividades está baseada nun conto escrito por Xosé A. Perozo
21 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación de Ourense celebra estes días, de luns a venres, a oitava edición da Semana Escolar da Árbore e a Auga e as previsións da programación contemplan a participación de sete mil escolares da provincia nas actividades.
Para conmemorar as datas o organismo provincial editou o conto ilustrado Alguén roubou o inverno, escrito por Xosé A. Perozo e que conta coas ilustracións de Viki Berre. A historia está protagonizada pola Ecopanda, un grupo formado por cinco adolescentes e un robot que traballa pola conservación da natureza.
Conto con orixe no Lindoso
A obra escrita por Perozo é unha aventura que parte dunha visita ao encoro de Alto Lindoso neste mesmo ano, no momento en que as vilas ourensás asolagadas en Lobios emerxeron pola seca.
O obxectivo do proxecto que promove a Deputación no marco desta Semana Escolar da Árbore e a Auga é que o alumnado observe o fenómeno dos encoros e a utilización da auga para a xeración de enerxía eléctrica, así como a intervención do ser humano no hábitat á hora da súa adaptación ás necesidades de cada momento histórico.
Traballar con conceptos como a influencia humana no fenómeno do cambio climático ou a importancia dos ameneiros nos ecosistemas naturais son os obxectivos. En cada colexio plantarase unha árbore.