Javier Romero falou de grandes reportaxes no seu pregón da Feira do Libro de Ourense
OURENSE

O redactor de La Voz de Galicia inaugurou a cita coa literatura na rúa do Paseo
09 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o 11 de xuño • De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas • Rúa do Paseo • A Feira do Libro de Ourense botou a andar este mércores e contou coa presenza do xornalista Javier Romero (Xinzo de Limia, 1980) como pregoeiro. Redactor de La Voz de Galicia en Vigo, Romero é autor do libro «Operación Marea Negra», no que recolle o seu traballo de investigación sobre o narcosubmarino detectado hai uns anos en Galicia e todo o relacionado coa operación, os galegos que participaron na mesma e como se acordou a iniciativa en Colombia, país ao que viaxou para coñecer o proceso de creación dos narcosubmarinos que empregan para introducir droga en EE. UU.
Romero centrou a súa intervención, á que titulou «Libros e xornalismo», en como te vas atopando no traballo diario con historias que sobrepasan o marco do xornal e que rematan tendo unha nova vida en publicacións centradas en grandes reportaxes ou crónicas, mesmo nalgún caso literarias. Citou libros como o pioneiro de Perfecto Conde sobre o narcotráfico, o de Felipe Suárez na mesma liña, as historias do novo xornalismo de Tom Wolfe ou casos como o de Pérez Reverte e as crónicas que conforman o libro «Territorio comanche». Tamén citou «Viaje a la aldea del crimen», do escritor Ramón J. Sender. Romero, cuxa obra foi convertida nunha serie audiovisual, incidiu en que «dende o xornalismo local nacen historias que son de interese xeral e universal».
De Paloma de Toro a Pato
Na segunda xornada contarase coa presenza de escritores para asinar —de Paloma de Toro a Pemón Bouzas, entre outros— e Cristina Pato presentará a súa primeira novela (19.00 horas).