Premian a dous colexios do Barco e Ourense polos seus traballos sobre Florencio Delgado Gurriarán
OURENSE
O CEIP de Seixalbo e o Julio Gurriarán serán condecorados na Coruña
19 sep 2022 . Actualizado a las 19:43 h.O concurso impulsado pola Real Academia Galega para que os escolares traballasen arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán, o protagonista do Día das Letras neste 2022, xa ten gañadores. E dous dos tres premios quedan na provincia de Ourense. Son para o CEIP Seixalbo en Ourense e para o CEIP Julio Gurriarán do Barco. Tamén resultou premiado o colexio Fondo Nos, do concello lucense de Foz.
O colexio de Seixalbo presentou ao Primavera das Letras un vídeo de Tik Tok. O traballo, titulado Un minuto con Florencio, narra a vida do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) con debuxos e a voz en off do alumnado de sexto curso. A videocreación fíxose a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua do centro educativo. Suma preto de 6000 visualizacións en Youtube e foi presentada ademais fóra do ámbito escolar na asociación cultural As Agromadas de Seixalbo.
Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema Aí vén o maio, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do mestre de Música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións.
A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado dos tres centros educativos que terá lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.