Xosé Merelles: «A provincia de Ourense ten todo o que busca o turista que vén a Galicia»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia
Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia Santi M. Amil

Potenciar a oferta en materia de enoturismo é un dos retos de futuro

13 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que hai pouco máis dun mes que tomou posesión como director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy (A Rúa, 1966) xa estaba ao día na xestión da axencia que dirixiu Nava Castro nos últimos anos. En 1999 asumía a xefatura de comunicación de Turgalicia e case que un cuarto de século despois segue vencellado ao sector. Recoñece que os retos pasan pola sostibilidade, a aposta pola internacionalización —na actualidade representa o 30 % dos visitantes—, a dixitalización e o apoio á comercialización dos produtos turísticos. O 2022 foi un ano de récord para Galicia —rexistráronse 6,5 millóns de viaxeiros e case que 440.000 peregrinos— e o 2023 vai camiño de pecharse con mellores cifras. Xosé Merelles exerce de valdeorrés namorado da provincia e dende que accedeu ao cargo tense reafirmado na aposta polo interior de Galicia. Este venres estaba no Carballiño para asinar o convenio do plan que incidirá en facer do polbo e a tradición das polbeiras e polbeiros da vila un produto enogastronómico.

—Declarou ao pouco de acceder á dirección de Turismo de Galicia que «o interior ten un gran potencial pero hai que poñelo en valor». Chegou o momento da provincia de Ourense?

—Entendo que si. Os recursos naturais, a gastronomía e todo o relacionado coa cultura, patrimonio e costumes son o que atrae aos nosos visitantes. A provincia de Ourense ten todo o que busca o turista que vén a Galicia, ademáis doutros valores engadidos que o fan un destino único, como é o termalismo.

—Serían sectores nos que incidir?

—E algúns máis. O interior de Galicia está sendo un destino cada vez máis demandado, tamén fóra de tempada. O Outono Gastronómico, os trens turísticos, as rutas do viño, as festas de interese e o entroido son factores destacados.

—O entroido está chamado a xogar un destacado papel na dinamización turística?

—Xa o é. A cidade é un destino xa consolidado e toda a provincia un lugar de referencia que fai de Ourense un espazo único. E non só en Galicia senón moito máis alá. O que antes era unha tradición de ámbito restrinxido, na que só participaban os veciños de cada zona, hoxe é un produto turístico de éxito pola súa singularidade e a grande riqueza que existe en toda a provincia.

—Veñen de presentar un plan para converter a O Carballiño en destino gastronómico. É un dos sectores a potenciar?

—A enogastronomía é unha das nosas apostas de futuro. Recursos temos e debemos poñelos en valor. E nese apartado Ourense ten moito que ofrecer, daquela hai que potencialo e facerllo chegar ao consumidor para que o coñeza. Vanse facer varios plans en toda Galicia, o do Carballiño é un deles, e nesa aposta pola enogastronomía imos investir catro millóns de euros.

—A provincia conta con catro denominacións de orixe, unha delas compartida. Serán tamén obxecto de dinamización?

—Das cinco denominacións de orixe nós temos catro —ou tres e media para ser exactos— e o enoturismo é un dos sectores estratéxicos para Galicia. Si é certo que a única que se ten distinguido de maneira singular neste terreo está na provincia de Pontevedra, é Rías Baixas, pero nós temos moito potencial. Debemos apostar por facer máis atractivas as nosas adegas para atraer visitantes, contar con aloxamentos e crear produtos específicos. Hai moito que facer, pero tamén é certo que temos un gran futuro por diante neste apartado.

—A Ribeira Sacra está de moda. Corre o perigo de morrer de éxito?

—Non. A diferenza do que pasou noutros lugares aquí estase traballando moi ben e hai unha aposta seria e firme pola sostibilidade. Hai un consorcio, que abrangue a dúas provincias, que está facendo as cousas de xeito modélico e que se preocupa porque non haxa unha presión maior da que é recomendable para o territorio.

—Ten falado de novos modelos nos que indicir, como o turismo industrial e o hidroeléctrico.

—É un recurso que está aí e debemos aproveitar. En Lindoso podes visitar a central hidroeléctrica por dentro e en Alemania estiven nunha antiga mina que é un destino turístico. A lousa, en colaboración co clúster, ou centrais como a de Manzaneda poderían ser unha alternativa.

«Os valdeorreses temos que crer máis no noso e apostar polo Camiño de inverno»

Galicia está experimentando un crecemento homoxéneo en materia de turismo, cunha maior demanda en todas as provincias. No caso das cidades a de Ourense rexistra un crecemento proporcional maior que o resto, segundo ten destacado o novo responsable de Turismo de Galicia.

—O AVE está conseguindo poñernos no mapa?

—Está sendo un revulsivo, a pesar de non albiscar aínda todas as posibilidades que ten porque non dan chegado os trens Abril. É obvio que nos dá un abano de posibilidades descoñecido ata o de agora. Ti saes de Madrid —o 25 % dos que nos visitan teñen esa procedencia— e en dúas horas estás na Gudiña; podes facer unha ruta enoturística por Monterrei o Valdeorras, están máis ou menos á mesma distancia, e volver no día. Ou viaxar ata Ourense, cun chisco máis de tempo, e gozar das termas, ir ao Ribeiro ou á Ribeira Sacra —por poñer uns exemplos— e facer o mesmo.

—O termalismo é a nosa eiva?

—Si. Non é só ter os recursos senón crer naquilo co que contamos. Hai unha boa oferta e avanzouse, pero queda moito traballo por facer. A xente que nos visita busca experiencias, non algo de consumo rápido, e o termalismo fai que a provincia de Ourense conte cunhas condicións privilexiadas ao respecto. A demanda de produtos de benestar e descanso é cada vez maior e aí temos un enorme potencial.

—Fixo varios camiños a Compostela, entre eles o de Inverno. Contaremos con novas rutas?

—Iso non é competencia nosa, depende de Patrimonio, pero sempre é unha oferta a maiores. A Vía da Prata estamos tentando potenciala entre as comunidades autónomas polas que pasa. No outro caso, dicir que os valdeorreses temos que crer máis no noso a apostar polo Camiño de inverno. É unha xoia que non se valora na súa xusta medida.

Un xornalista que é testemuña de como mudou o sector dende hai 30 anos

Xosé Merelles é xornalista de formación. Licenciouse en Madrid e comezou a súa actividade na profesión colaborando en Valdeorras con La Voz de Galicia e Antena 3 de Radio. Logo estivo vencellado a La Región, Ourense Diario e ao Xornal Diario. En 1991 iniciou a súa etapa na comunicacións institucional e en 1999 chegou a Turismo, asumindo a xefatura de comunicación. Turgalicia e o Centro Superior de Hostalería de Galicia nacían en 1993 para dinamizar o sector. No 2014 a Axencia de Turismo de Galicia. Especialista en márketing e publicidade, ten sido testemuña privilexiada de como foi mudando o sector nestas décadas. 

—Como evolucionamos?

—Hai trinta anos apostouse por crear un modelo turístico para Galicia. Non o había e empezouse a traballar en temas de natureza e noutros apartados. O obxectivo era diversificar a oferta por segmentos e ver cara a onde nos conviña tirar. Daquela eramos a periferia e aquí chegaba un millón de turistas, escasos, ao ano. Agora somos un destino de calidade e diversificado, e hai aspectos como a gastronomía que ocupan o segundo postos —ou terceiro en función dos casos— nos recursos atrae a máis visitantes. Obviamente o Camiño é un atractivo importante, pero conseguiuse grazas a moito esforzo e traballo. Sabe cantas personas pedían ao ano a Compostela nos 80? Eran 800 persoas. Estamos recollendo os froitos de moito tempo de traballo.

—Será 2023 outro ano de récord?

—Estamos medrando. Nos seis primeiros meses do ano temos contabilizados 2,7 millóns de viaxeiros aloxados en establecementos turísticos e 4,7 millóns de noites. Iso representa un incremento do 10 % en visitantes e dun 12 % en noites. Se segue a tendencia será un ano histórico.

—Un antecesor seu apostou polos encoros, os mares interiores. É un aspecto no que incidir?

—Son un potencial, no caso de Castrelo de Miño como un excelente recinto para competicións, pero ten certa complexidade todo o referido ao deporte náutico, que xa é complicado na costa.

—Onde se vai de vacacións o director de Turismo?

—En verán sempre en Galicia, sería un desperdicio non aproveitar o que temos. Vou moito a Valdeorras e tamén a Portugal.

Quen son.

«Un amante de Galicia que tivo a oportunidade e a sorte de contribuír, co meu traballo, a desenvolver proxectos que a dinamizaron e conseguiron potenciar a súa imaxe e os seus recursos turísticos. E un afortunado por ir incrementando nestes anos o meu amor polo territorio».