
O artista iniciará coa peza unha nova etapa na súa carreira profesional
19 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A organización do Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, retomou dende hai uns anos a tradición que xa desenvolverán as Xornadas de Cine de Ourense —da década dos 70— de encargar o cartel do certame a artistas ourensáns ou afincados na provincia. Nesa liña asinaron obras creadores como Baldomero Moreiras, Alexandro, David Rubín e Isabell Seidel nas últimas convocatorias.
Para o 2023, o OUFF apostou por encargalle o traballo a Mon Devane, e o artista ourensán decantouse por unha proposta que se alonxa da súa coñecida faceta como muralista e creou para o festival de cine unha figura en tres dimensións que marcará o inicio dunha nova etapa na súa carreira profesional. «Ao recibir este reto, a min apetecíame ir máis alá da imaxe bidimensional; empecei a traballar con art toys, xogando cunha peza que é medio boneco e medio escultura. Quería que a imaxe puidera envolver ao público; que segundo onde mire a figura nos diga algo distinto. A cor é unha chiscadela á miña paleta cromática habitual», comentou Mon Devane na rolda de prensa. Tamén fai coa mesma unha homenaxe á cerámica tradicional galega.
O artista comeza con esta proposta o que será a súa serie sobre diferentes persoaxes e oficios, que serán os que o artista chamará Devaneiros. Este primeiro é Eloi Devaneiro en homenaxe ao fundador do festival, Eloi Lozano.
O artista estivo acompañado na presentación da súa proposta para o cartel polo director e o coordinador xeral do OUFF, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar respectivamente. Miguel Anxo Fernández incidiu en que o festival mantén a aposta de retomar a tradición das Xornadas de Cine de Ourense e lembrou que nas mesmas contouse con obras asinadas por artistas como Virxilio, Quessada, De Dios ou Vidal Souto, entre outros.
Aurelio Gómez Villar sinalou que a figura creada por Mon Devane sumarase a tradicional Calpurnia —o premio identificativo do festival— xa que será empregada como galardón para os premiados no concurso de curtas e no FAS Muvis do OUFF 2023. O festival celebrarase do 29 de setembro ao 8 de outubro.