
Contraproducións propón unha obra de McDonagh adaptada por Cándido Pazó
13 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A vella Europa converteuse nun continente que se está a mover entre guerras e crises humanitarias. Polo que respecta ás primeiras a de Ucraína e Rusia capitalizaba todos os esforzos e intereses, ata que volveu estourar o volcán da franxa de Gaza e Hamás e Israel xa están de novo en conflicto e provocan o posicionamiento mundial a favor dun ou doutro bando. Con menos presencia mediática, as grandes potencias nada se xogan niso, seguen chegando ás costas dos países europeos as vagas de caiucos cargados de persoas na procura dun futuro mellor.
Sobre as guerras, as súas consecuencias, as migracións e a perda de peso específico de Europa no marco das loitas estratéxicas puxeron o foco os actores de Animasur, que abriron o FITO 2023 cunha reflexión sobre o vello continente, a crise humanitaria pola que atravesa e a perda dos valores tradicionais. O grupo de Granada, especialista en teatro de rúa, representou a súa obra «Boas noites Europa» na praza de San Martiño.
Das Ultranoites ás corredoiras
Quico Cadaval é un todoterreo da escena galega. Actor, director e dramaturgo, o de Ribeira participaba nas últimas edicións das Ultranoites de Chévere —celebradas o 22 e 23 de setembro no Liceo de Noia— cun monólogo sobre as letras dos himnos dos países, tomando como referencia inicial o texto do galego.
Ao FITO chegou cun monólogo que incidía na perda de valores tradicionais e costumes por mor do progreso. En Corredoiras asfaltadas, a proposta que se puido ver no Liceo, Cadaval pousou a súa retranca e ironía nun feito incuestionable: coas autoestradas, autovías, rotondas e demais as vellas corredeoiras perderon o seu papel de punto de encontro e espazo para a conversa, as tradicións e os medos.
Na procura dunha man
O FITO propón para este venres —Teatro Principal, oito da tarde— a montaxe Entrega en man, de Contraproducións. Cándido Pazó adaptou ao galego e dirixe esta obra baseada no texto de Martin McDonagh. Co seu humor crítico e cáustico o autor propón un argumento que non deixa indiferente: «Un cuarto ruín nun hotel cutre dunha anónima vila americana. Un tipo estraño ofrece unha recompensa por recuperar a man que, nun acto cruel e humillante, lle cortaron hai 27 anos e que, dende entón, busca teimosamente».