Eladino Cabanelas: «No sistema educativo español a historia da Galiza está chea de ocultamentos e imprecisións»
OURENSE
O responsable de OZOCOgz presentou no Culturgal a nova proposta de lecer, o xogo de mesa «Galiza no tempo»
11 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Eladino Cabanelas Fernández (Barra de Miño, Coles, 1964) unha das crises que nos foron marcando a vida neste século XXI condenouno á reconversión. O deseño gráfico era o seu e neste terreo comezou a desempeñarse con iniciativas para empresas e institucións. O seu sinal de identidade, a súa imaxe de marca, mestura a tradición de Galicia coa cultura global, e incopora o seu compromiso reivindicativo co galego. Tomando como idea inicial unha zapatilla Converse, Cabanelas escolleu un zoco e chantoulle a estrela das deportivas americanas co lema Convértete ao galego. Foi daquela cando naceu a súa icónica camiseta: cuns amigos fixo unha tirada e marcharon para o Festigal do 25 de xullo. Venderon máis dun cento e aquilo deu como resultado a creación da súa marca: OZOCOgz deseño galego.
Nesa treboada constante de ideas que é Cabanelas vén de crear unha nova proposta de xogo de mesa e volveu máis que contento do recente Culturgal. Na feira de Pontevedra presentou a iniciativa e saíu moi satisfeito da actividade que se clausuraba hai unha semana.
—Que é «Galiza no tempo»?
—Un xogo de cartas que mestura historia e galego e que se vai converter nunha actividade de lecer ideal para coñecer o noso pasado e afondar no uso do idioma, ou incidir na mellora do seu emprego.
—Como se xoga?
—Son 55 cartas e cada unha delas está centrada nun acontecemento relevante da historia da Galiza, e por detrás está a mesma ilustración xunto co ano no que se produciu o episodio ou o feito ao que se fai referencia. A cada xogador dánselle cinco e gaña o que queda sen ningunha. Hai que ir poñéndoas sobre a mesa de forma secuencial, por datas, e se non tes debes coller do mazo.
—No Culturgal sinalaba o aspecto reivindicativo do proxecto.
—No sistema educativo español a historia da Galiza está chea de ocultamentos e imprecisións. Conscientes desta circunstancia, o que fixemos foi promover un xogo que busca espertar a curiosidade dos participantes e, ao tempo, lembrar episodios da nosa historia dun xeito didáctico e divertido.
—Cando fala de omisión a que se refire?
—Son moitas as referencias agochadas de xeito consciente. Sempre se fala dos reis de León, cando o mesmo era —no tempo reseñado— dependente de Galiza. Tampouco se inclúe nunca aos reis suevos cando foi o primeiro reino de Europa, moito antes de que tan siquera existise España, e faise como se iso nunca acontecera. A listaxe de exemplos podería ser moi longa.
—Como xurdiu a colaboración con Elena Andrés?
—Falando con Francisco Castro, cando veu presentar aquí Xoán Xoana —libro para o que fixo as ilustracións—, díxonos dela. Contactamos e realizou un traballo extraordinario para Galiza no tempo. O resultado non puido ser mellor. Quedamos moi contentos e creo que haberá colaboración entre nós para longo tempo.
—A intuición sobre a liña de traballo desenvolvida rematou por darlle a razón. Que valoración fai?
—Sempre dixen que era lóxico que houbese xente coma nós á que lle gustan os xogos de mesa e que non había material en galego. Daquela por que non tentalo? A demanda confirmou que esa realidade existía e agora xa hai máis empresas que empezan a implicarse con barallas e outro tipo de propostas.
—Cal foi a acollida que tiveron os outros xogos?
—De Ti non es de aquí? vendemos 1.800 —nas catro edicións para adultos— e 1.300 —tres edicións— do dirixido aos cativos. De Vacaloura levamos dúas tiradas —de 700 e 500 exemplares— nun ano.
—Cal é o perfil do cliente?
—Un chisco de todo. Público en xeral, tamén colexios —cando sacamos un xogo informamos aos centros de ensino— e funciona moi ben como agasallo.
«Non queremos a típica camiseta, o noso é un compromiso coa cultura do país»
Aínda que OZOCOgz leva catro anos funcionando como tenda aberta ao público Eladino Cabanelas xa comezou a súa etapa como deseñador gráfico alá polos anos 2010-2011 —«tería que mirar a data concreta pero foi por esa época»— e a camiseta que lle deu imaxe á marca data do 2012. A papelaría é unha das súas paixóns, e dende o comezo sempre contou con propostas singulares en libretas, chapas, cadernos e outros materiais. Venden tanto no local de Curros Enríquez do Carballiño como na súa tenda na rede, e dende hai tempo organizan actividades complementarias como pequenos concertos, sesións vermú, presentacións de libros, encontros na Casa Gazpara e outras iniciativas.
—O seu catálogo, con propostas que van dende o selo da República Galega ao entroido, é unha oferta diferente?
—Non queremos facer a típica camiseta, o noso é unha aposta e un compromiso coa cultura do país e coa lingua e traballamos nesa liña. É dicir, non somos da frase típica para a publicidade do Gadis —con todos os respectos— nin para ser riquiños. As nosas camisolas van por outros camiños, e hai proxectos con ofertas para todos os gustos.
—Convocan dende hai anos un concurso de microrrelatos.
—Ao comezar OZOCOgz. Hai doce anos que o facemos e estamos moi satisfeitos do resultado, da participación e da implicación dos escritores que aceptan formar parte do xurado.
—Creou, xunto con Mariña Arbor, o roteiro de Frank Soutelo. Que lle queda por facer?
—Instalamos tres esculturas e vinte e cinco placas. Están pendentes outras tres e o material complementario pero seguimos á espera da resposta do Concello do Carballiño.
Da experiencia na vida política municipal ás viaxes pendentes
Recoñece Eladino Cabanelas Fernández que matina de contado en proxectos a desenvolver e que propostas non lle faltan, aínda que sempre se fai necesario valorar as ideas con calma para ver de atopar unha saída ás mesmas que garante a súa viabilidade. Sempre co compromiso a prol da cultura e da lingua galega como bandeira.
Aínda que vencellado sempre coas orixes familiares en Punxín —na capitalidad municipal e en Vilela están as raiceiras por parte dos seus pais— o creador de OZOCOgz chegou a este mundo en Barra de Miño, no municipio de Coles. Unha circunstancia que el sempre circunscribe á provisionalidade familiar: «Meu pai era tallista e traballaba para as fábricas que estaban na zona, por iso viviamos daquela alí».
Cabanelas Fernández formouse na Farixa e desenvolveu a súa carreira profesional como delineante nun estudio de arquitectura de Ourense. Aquela crise que seica non era, pero que despois coincidiuse en que comezara no 2008, levouse por diante o seu traballo e viuse na obriga de reiventarse. O seu territorio natural estivo sempre na súa paixón pola cultura e a lingua galega, e no mesmo centrou os seus esforzos como deseñador gráfico. O seu proxecto, OZOCOgz, foi consolidándose pouco a pouco —entre outras iniciativas creou para Ourense o xogo, coa dinámica da oca, e as unidades didácticas que incidían no uso dos colectores para incentivar o reciclado— e en decembro do 2019 abría ao público a tenda da rúa Curros Enríquez do Carballiño. Catro anos despois, co cambio a un local próximo polo medio, Eladino Cabanelas recoñece que está máis que satisfeito: «A aposta foi boa e metémonos —el e a súa muller Reme Forneiro levan a tenda— ao proxecto sen dubidalo. E recoñezo que estou máis que satisfeito. Obviamente tes a presión de que es autónomo, e iso non che dá a tranquilidade que podes ter traballando para unha empresa, pero teño a liberdade de facer o que me gusta».
A política municipal e a defensa do idioma son outros dos compromisos nos que se ten distinguido o deseñador gráfico. Foi candidato do BNG á alcaldía de Punxín, e na corporación municipal botou catro anos. Recuncou, mais non houbo sorte: «Non sacamos concelleiro por seis votos». Anos máis tarde foi o responsable local do BNG no Carballiño. E precisamente para o occidente ourensán, para a zona O Carballiño-O Ribeiro, exerceu como responsable da Mesa pola Normalización Lingüística.
No pequeno almacén de OZOCOgz —entre barallas, xogos, bulsas, libros, camisolas e demais— cavila Cabanelas nunha paixón e formula un desexo: «Gústanos viaxar e cando haxa tempo iremos a Italia».
Quen son.
«Considérome unha persoa perseverante no día a día, coherente co que pensa e cun claro compromiso co noso país».