
O Concello centra as actividades na xornada do sábado, na que tamén se desenvolverá o xantar deste entroido da Ribeira Sacra
08 feb 2024 . Actualizado a las 19:09 h.Concello de Parada de Sil tense distinguido dende hai anos pola aposta decidida de poñer en valor a súa ubicación estratéxica na Ribeira Sacra ourensá. Os recursos naturais, as rutas de senderismo polo municipio, as probas deportivas de montaña, os concursos de literatura e fotografía ou a creación de iniciativas como o Museo do Chocolate son parte das propostas desenvolvidas dun tempo a esta parte. Unha das eivas coas que se atopaba o municipio era coa falta dunha oferta propia e singular para celebrar a que se ten convertido na festa maior da provincia de Ourense: o entroido. Non había posibilidade de andar á pescuda pola memoria colectiva, porque non había de onde tirar para recuperar unha tradición inexistente, e a solución seguiu o camiño andado por outros municipios que decidiron ter algo que dicir na festa: crear un personaxe propio e identificativo de Parada de Sil.
E logo de moito cavilar para conseguir un entroido de seu naceron os anxeos, o personaxes do carnaval deste municipio da Ribeira Sacra. A cuadrilla dos mesmos volverá percorrer os pobos o vindeiro sábado para reivindicar, como o levan facendo máis dunha década, que Parada de Sil xa forma parte do calendario de citas festivas de celebración tradicional das datas da despedida da carne, para entrar na Coresma.
E que é un anxeo? Un entroido que vai vestido cos sacos que se empregan para a recollida das castañas —nun municipio onde os soutos son unha importante fonte de riqueza— e que son denominados así polos veciños de Caxide, lugar onde se creou esta figura que xa forma parte do carnaval da provincia.
Parada de Sil vivirá a súa xornada central da festa mañá. A partir das once e media haberá xuntanza dos participantes diante do Concello. O desfile, que abrirán os anxeos, comezará ao mediodía. Como xa é tradición, a comitiva percorrerá os pobos do municipio para levar a animación festiva aos veciños. Para as tres da tarde está previsto o xantar, cun menú a base de empanadas varias, cocido, orellas cocidas, café, bica e bebida —20 euros os adultos—. Será na nave da castaña e o mesmo estará amenizada pola charanga Tattoo.