![O conselleiro José López Campos conversa con Ángel Perotti, da libraría Zampacontos](https://img.lavdg.com/sc/lubjKYEXhCncFiqYSCS3oLkqUjY=/480x/2024/04/23/00121713887641601416601/Foto/OA24C4F2_175213.jpg)
José López Campos, o titular de Cultura, Lingua e Xuventude, escolleu a celebración do 23 de abril para realizar a súa primeira visita a Ourense
23 abr 2024 . Actualizado a las 20:13 h.O Día do Libro chegaba a Ourense cun escenario diferente. O Concello anunciaba a finais de marzo a súa decisión de non permitir a celebración de feiras ou actividades que levasen consigo a instalación de casetas na rúa do Paseo e a Asociación de Libreiros da cidade tiña solicitado, dende xaneiro, a colocación da súa tradicional carpa do 23 de abril para celebrar a data na que divulgan o libro, se aplica o desconto tradicional da xornada e se agasalla aos compradores co caravel vermello propio deste día. Finalmente non puido ser, e as dez librarías que participaron este ano na xornada tiveron que instalar os seus postos na rúa Cruz Vermella, no espazo entre o Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense.
Un emprazamento novo que contou co valor engadido de ser o primeiro destino do recente nomeado conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Ourense. José López Campos visitou os postos dos libreiros ourensáns, conversou cos mesmos e con clientes, representantes dalgunhas institucións ou entidades presentes no lugar e con algún artista ourensán.
Unha primeira visita á provincia na que contou cun vello amigo como anfitrión. O conselleiro achegouse aos postos do Día do Libro logo de visitar a Deputación e fíxoo na compaña do presidente da entidade, Luis Menor, amosando ámbolos dous a amizade e estreita relación forxada nos anos de traballo en común.
Menor lembrou que a data era importante para el no persoal e no profesional. «É un día especial para min por acoller o primeiro acto do conselleiro na provincia. Con José tiven a honrar de participar en moitas actividades durante case catro anos, el como alcalde de A Estrada e eu como director da Academia Galega de Seguridade», lembrou. Ademais de desexarlle os mellores éxitos asegurou que o departamento que dirixe vaise ver potenciado. «Estou seguro que imos sacar adiante moitos proxectos xuntos e que vai dinamizar aínda máis a Consellería», sinalou.
José López Campos incidiu no simbolismo e importancia da convocatoria. Tamén no compromiso da colaboración entre institucións. «Eliximos este día para celebrar e centralizar en Ourense todo o que se está facendo arredor do mundo do libro e das publicacións en toda Galicia. Non podemos esquecernos de que o sector cultural move máis do 3 % do PIB galego, xera máis do 3,6% dos postos de emprego na comunidade e creo que ademais temos que seguir potenciando ese eido, sobre todo co efecto multiplicador que temos entre institucións como é a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense», sinalou o titular de Cultura, Lingua e Xuventude.
José López Campos desprazouse logo a O Carballiño para compartir cos escolares a xornada. Na Insua dos Poetas animou aos máis novos a gozar de todas as iniciativas ao redor do libro e a lectura —«Vías de expansión da identidade cultural de Galicia»— e lembrou que o índice lector na comunidade se sitúa no 61,3 %, o que representa un 1,4 % por riba da media estatal.
Do AVE aos contacontos
O Día do Libro trouxo consigo unha chea de iniciativas. Nas unidades de Pedriatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco desenvólvense actividades estes días; a Deputación agasallou onte aos viaxeiros do AVE co libro Ourense, muy cerca; a Nós e Barbadás tiveron contacontos e en Ribadavia acolleron o espectáculo Animaladas. Foron só algunhas das propostas da xornada do 23 de abril.
![O menú infantil levou un marcapáxinas con código de acceso ás librarías](https://img.lavdg.com/sc/fWWZR_ep5SwAPHGcDm3X750EDYg=/480x/2024/04/23/00121713895442191976273/Foto/O_20240423_195713000.jpg)
No servizo de Pediatría da área sanitaria as bandexas do almorzo levaban este martes un marcapáxinas cun código QR que dá acceso ás librarías da agrupación de libreiros e unha listaxe de obras recomendadas.