
A compañía abrirá esta edición da Mostra de Ribadavia co espectáculo «Dique»
25 jun 2024 . Actualizado a las 18:25 h.O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza. A Mostra de Ribadavia, que se celebrará do 19 al 27 de xullo, recoñece o mérito nas artes escénicas a esta compañía outorgándolle o galardón, que leva o nome dun dos impulsores da cita teatral, Roberto Vidal Bolaño. Nova Galega estará moi presente nesta edición, a número 40. De feito será a encargada de abrir a programación co seu último espectáculo, Dique. Os espectadores poderán ver a función o venres 19 de xullo ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo e, xusto ao rematar, farase a entrega do premio no patio da Oficina de Turismo.
A compañía Nova Galega de Danza, cuxos traballos levaron o premio do público da MIT en dúas ocasións, na edición do 2017 e na do 2020, recibirá este ano o galardón Roberto Vidal Bolaño coma un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación. «É unha compañía referente e pioneira nas nosas artes escénicas. Recoñecela significa ter en conta o seu compromiso e defensa do baile tradicional galego na súa esencia e na súa capacidade para inspirar novos mundos», afirman dende a dirección da MIT de Ribadavia. Entre os méritos que destacaron para outorgarlle o premio á Nova Galega están a súa capacidade para unir e conectar diferentes xeracións e para facer da danza un fenómeno social, estimulante e de interese amplo. Tamén poñen en valor o carácter pioneiro da compañía, que permitiu abrir paso a novas compañías galegas de danza fusión.
A venda de entradas individuais para os espectáculos de esta edición xa está activa tanto na web de Ataquilla, coma no local situado na praza Maior de Ribadavia.