Máis de dez anos. Iso é o que leva agardando Ourense para ter o que outras partes de Galiza teñen desde hai décadas: un centro público de atención ás persoas con discapacidade maiores de 21 anos de xestión pública e directa. Un dereito para centos de persoas que se ven obrigadas a recorrer á privada, á precariedade, a vivir afastadas das súas familias ou ás tres cousas ao tempo. Unha carencia inxustificable e que causa sufrimento, impropia dunha democracia avanzada e que non incentiva que as persoas queiran desenvolver o seu proxecto de vida aquí.
A presión social, o traballo incansable da plataforma ProCAPD, manifestacións históricas e máis de 50.000 sinaturas conseguiron que antes das eleccións de 2016 as forzas políticas con representación hoxe no Parlamento asinaramos un documento comprometéndonos. A hemeroteca resume como foi o conto: un primeiro proxecto que non satisfacía as demandas, máis mobilización, un novo proxecto, etcétera, ata que por fin comezou a construción. Porén, en marzo de 2022 o BNG destapou que a obra levaba máis de seis meses paralizada pola crise de prezos, que a Xunta ocultou a información ás familias e non fixera nada ao respecto. A presión social forzou unha nova contratación e unha nova promesa incumprida: xaneiro de 2024.
Así as cousas, despois de moita espera, a obra remata mais queda por aclarar cal vai ser o modelo de xestión. Naquel compromiso de 2016 o terceiro punto era claro: «O centro de atención a persoas con diversidade funcional será público e de xestión pública, atendido por empregados públicos».
O papel aguanta todo, mais preguntada polo BNG no último Pleno do Parlamento, a conselleira de Política Social, Fabiola García, volveu botar balóns fóra e volveu atrasar a previsión de apertura a «primeiros meses de 2025». A nosa preocupación é máxima, fundada nos antecedentes do Partido Popular. En 15 anos de goberno non se construíu aquí unha soa residencia pública de maiores de xestión pública e privatizáronse servizos que eran públicos: o centro de menores de Montealegre pechou para reforma e reabriuse privatizado, con constantes problemas.
A Xunta ten en marcha a privatización de varias cirurxías que debería facer o CHUO e vai adxudicar a OHL e Eulen, empresas multiservizos ou de mantemento de autovías, a xestión de algo tan delicado como a atención ás vítimas de violencia sexual.
Con estes antecedentes, non cómpre unha bóla de cristal para imaxinar cal é a axenda oculta para o CAPD. A pregunta é: imos permitir outro pelotazo para lucro privado ou imos defender que sexa 100 % público?
Noa Presas é diputada autonómica polo BNG