Un alalá e unha muiñeira xerados en Nova York por un gaiteiro do Carballiño
OURENSE
Isidro Vidal vén de lanzar un EP con tres temas que ideou e comezou a gravar nos Estados Unidos
08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Unha experiencia «incrible». Así define o gaiteiro do Carballiño Isidro Vidal a súa estancia, no mes de marzo pasado, en Nova York, onde fixo unha mini xira de concertos que resultou ser moi inspiradora. Produto daqueles día é o EP que vén de presentar, Drops: New York, un traballo que contén tres temas xestados na cidade dos rañaceos. Tocou nun teatro en Brooklyn, nun pub do centro de Manhattan e no centro ourensán en Newark (Nova Jersey). Como cabía esperar, a acollida dos espectadores no centro galego foi moi boa, pero Vidal salienta que a recepción que tivo a súa música entre o público non galego foi «fenomenal». «O meu repertorio é case todo composición propia e música folk», describe o músico, que nos discos ofrece máis mestura, mentres nos concertos vai coa versión máis acústica.
Antes de decidirse a apostar pola súa propia música, Isidro Vidal —que comezou a tocar a gaita de moi neno—, dedicábase a dar clases e a tocar noutros proxectos. O ano pasado foi un punto de inflexión. Publicou o seu primeiro disco, Todo ou nada —antes só sacara sinxelos— coa intención de dedicarse plenamente á súa carreira en solitario. Sen embargo, un problema de saúde obrigouno a parar. A viaxe que fixo a Nova York foi «unha cura» para Isidro Vidal: «Era a miña terceira vez tocando en Estados Unidos, pero a primeira en solitario. Deume moita enerxía, a xira véxoa como unha cura para desconectar e vivir unha experiencia nova». Simplemente poder saír ao exterior, andar e facer vida normal foi «marabilloso» logo do tempo que pasou coa enfermidade. Deseguido absorbeu os estímulos e inspiracións do que vía arredor e esa enerxía reflíctese nos temas que compuxo alí. Alalá de Manhattan, explica, é «un canto lento, inspirado na visita que fixemos ao distrito financeiro de Wall Street, unha vez de día e outra de noite. O contraste da paz que había de noite, pois non había ninguén, chocoume. Nova York non dorme nunca, pero o distrito financeiro si». No momento gravou unha melodía nunhas notas de voz e ao chegar ao apartamento escribiu a partitura. Path to New York refírese ao tren que collían cada día para iren desde Nova Jersey a Nova York e ás paisaxes e xentes norteamericanas que vía no traxecto. O tema ten toques de pop norteamericano. O terceiro corte, a Muiñeira de Brooklyn xurdiu no paseo por ese barrio co poeta galego Marcos de la Fuente e do ambiente que reinaba no concerto que deu nun pub esa noite. Son un puñado (de aí o título Drops) de cancións que logo se produciron en Madrid coa batuta do produtor galego Adrián Solla que fixo uns arranxos con sintetizadores, moita percusión e baixos. «O resultado para min é espectacular», resume Isidro Vidal.