Luís Álvarez Pousa recolle o Premio Carracedo e reivindica o xornalismo «nun dos momentos máis críticos»

La Voz OURENSE

OURENSE

O presidente da Deputación, Luís Menor, co premiado, Luís Álvarez Pousa.
O presidente da Deputación, Luís Menor, co premiado, Luís Álvarez Pousa. ALEJANDRO CAMBA

O presidente da Deputación, Luís Menor, comprométese a manter o galardón no futuro e a respectar a actividade xornalística

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Premio Xosé Aurelio Carracedo cumpriu este martes a súa trixésimo terceira edición con moitas novidades. O galardón, que leva o nome do xornalista ourensán de La Voz de Galicia falecido no ano 1988, recoñece agora a traxectoria dun profesional, e non un traballo concreto, e o elixido neste novo formato foi Luís Álvarez Pousa (Trasmiras, 1948). Ademais, o acto trasladouse da escuridade do salón de plenos do Pazo Provincial á luminosidade do Centro Cultural Marcos Valcárcel. O que non mudou foi o espírito dunha xornada que serviu, de novo, para subliñar a importancia do xornalismo para a sociedade.

Así o manifestou o premiado no seu discurso, que comezou recordando a súa «conexión emocional» con Carracedo. Recuperou a memoria das súas reunións «clandestinas» na Cidade dos Muchachos de Benposta e de como o animou a traballar como periodista tras deixar os hábitos. Tamén foi quen tivo que recoñecer o cadáver de Carracedo no depósito trala súa tráxica morte nun accidente de tráfico.

O falecido foi para el un «referente ético na práctica do xornalismo», segundo relatou Álvarez Pousa, que tamén fixo un repaso pola súa propia traxectoria profesional, empezando pola súa primeira reportaxe en La Voz de Ourense, na que viaxou a Casaio (Carballeda de Valdeorras) para contar un caso de explotación laboral de menores nas canteiras de pizarra. Moito cambiou o oficio desde entón e o premiado, que tamén foi recoñecido pola súa tarefa universitaria como «mestre de xornalistas», fixo unha ampla reflexión sobre a situación actual da profesión, que pasa —dixo— por «un dos momentos máis críticos dos últimos 50 anos». Aludiu aos perigos das redes sociais pero tamén dos dirixentes que pensan que a verdade non precisa de intermediarios.

O acto, presentado polo director do Centro Cultural, Paco González Bouzán, contou coa presenza de Miguel Jiménez Carracedo, sobriño do xornalista que dá nome ao premio. Luís Menor, presidente da Deputación, garantiu a continuidade do galardón baixo o seu mandato e subliñou a importancia de que os xornalistas sexan «incómodos» para os políticos.