Unha muiñeira na catedral de Ourense grazas ao seu deán

emilio rodríguez portabales

OURENSE

Unha parella do grupo de baile de Coral De Ruada interpretando unha muiñeira na catedral
Unha parella do grupo de baile de Coral De Ruada interpretando unha muiñeira na catedral Cedida

08 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos concertos de Nadal que a Coral De Ruada ofrece na Catedral dende hai máis de trinta anos mestúranse vilancicos da polifonía galega e universal con cantos de Nadal e panxoliñas populares fermosamente harmonizadas por músicos relacionados coa Coral. Ao longo dos anos foise introducindo tamén o acompañamento de órgano e de instrumentación popular, percusión inicialmente (triángulo, cunchas, pandeiretas e pandeiros), e máis tarde o resto (bombo, gaitas, zanfona e acordeón). Deste xeito, nos últimos anos, a Coral adoita desfilar dende o Pórtico do Paraíso cara as escaleiras do altar maior polo corredor central precedida do seu grupo instrumental que interpretaba algunha marcha procesional e o mesmo ocorre cando, rematado o concerto, realiza o mesmo traxecto pero en sentido inverso. Ademais, ultimamente, o grupo instrumental interpreta, cara á metade do concerto, algunha peza axeitada ao lugar e á celebración.

 

Cando rematou o concerto de Nadal do ano 2023, o deán, do José Pérez Domínguez —amigo e compañeiro na Universidade Laboral e gran amigo da Coral— achegouse a nós para felicitarnos polo concerto e desexarnos un feliz Nadal, como adoita facer tódolos anos, pero engadiu unha sorprendente suxestión: e, agora que tedes grupo de baile, por que non traedes unha parella e que baile unha muiñeira? Debo recoñecer que quedamos un tanto abraiados pola proposta pero tamén moi ilusionados por poder incorporar o baile ás nosas cantigas e ás nosas interpretacións instrumentais nas celebración do Nadal e dos Reis.

Deste xeito, o pasado 27 de decembro, De Ruada ofreceu o seu primeiro concerto de Nadal na Catedral de Ourense coa participación dunha parella de baile formada por Ismael Rodríguez Fernández e por Sara Fernández Álvarez. O sorprendido público —entre o que se atopaban varios membros do cabido da Catedral e o prelado da Orde de Malta-— premiou con cálidos e numerosos aplausos tódalas intervencións de De Ruada e, por suposto, da súa organista, Irma Fernández Alonso, e dos seus grupos instrumental, coordinado por Gonzalo Abelairas Lemos, e de baile, coordinado polo mencionado Ismael, dirixidos todos eles por Xoán Antón Vázquez Casas.

Para De Ruada foi unha enorme satisfacción esta nova achega da nosa cultura popular á celebración do Nadal e da festa de Reis. Un fito máis na relación da Coral coa Catedral ourensá. Téñase en conta que De Ruada cantou a primeira misa en galego celebrada en Ourense o 7 de xaneiro de 1968 na capela do Santo Cristo da Catedral, oficiada por don Celso Pérez Carnero, outro bo amigo e compañeiro na Universidade Laboral e gran amigo da Coral.

O 3 de xaneiro De Ruada ofreceu o tradicional concerto de Reis na igrexa parroquial de Santiago das Caldas, tamén coa colaboración da nosa organista e dos nosos grupos instrumental e de baile. Tamén neste caso a igrexa estaba chea de xente que premiou xenerosamente cada unha das pezas e agradeceu a introdución do baile dentro do concerto. Cómpre sinalar a este respecto a comprensión e xenerosa acollida dos párrocos don Francisco Pernas de Dios e don Luís Pérez González, aos que lles quedamos moi agradecidos.

Polo todo isto quero rematar estas liñas —e penso que interpreto correctamente o sentir dos meus compañeiros de De Ruada— agradecendo a atinada suxestión do deán da Catedral. Moitas grazas don José.