Armando González presentou as súas publicacións na Casa de Galicia en Madrid

La Voz

OURENSE

Armando González, segundo pola esquerda, presentou os seus libros na Casa de Galicia en Madrid.
Armando González, segundo pola esquerda, presentou os seus libros na Casa de Galicia en Madrid. cedidas

Obras de música, novela negra e para o público infantil protagonizaron o encontro

11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Armando González presentou hai uns anos o seu libro «Escolma imposible (e incorrecta)», unha publicación na que se recollían as letras das corenta cancións realizadas entre 1973 e o 2019. A maior parte das mesmas, eran pezas creadas para María do Ceo. Aquela obra ía acompañada por dous cedés coas cancións.

As previsións do autor pasaban por incluír á Casa de Galicia en Madrid entre os lugares nos que facer a presentación. Aínda que aquilo non chegou a bo porto: «Meteuse polo medio a pandemia e pareceume que a decisión máis correcta era suspender o acto, e así o fixemos. Tiñamos aquela cita pendente, e como queira que con posterioridade viñeron os outros libros, pois a presentación deste 2025 converteuse nunha cita con tres publicacións», sinalaba antes do acto o autor. Xunto á escolma tamén se deron a coñecer na Casa de Galicia en Madrid os títulos «Pasos na azotea» e «Contos sen parche no ollo, nin pata de pau». O primeiro é unha triloxía de relatos de novela negra e os contos teñen como destinatario ao público infantil.

A trama de «Pasos na azotea» desenvolvese na provincia de Ourense e percorre escenarios coñecidos como o Couto Mixto, Aquis Querquennis, a Ribeira Sacra e o cemiterio de San Francisco. Máis que relatos do xénero negro o autor considera que «a obra é máis ben gris marengo —non ten tanto sangue como para chegar ao canón do xénero—, con toques vermellos, verde e morado».

O título máis recente son contos para o público infantil, que están ilustrados por Daniel Méndez Veloso. «Son aventuras da vida dirixidas a rapaces, adolescentes e mozos. Cada conto incide nunha situación para chegar, entre liñas, ao fondo dos problemas. Aspectos como o acoso, violencia de xénero, adoutrinamento e outros aparecen na obra». No acto de presentación da Casa de Galicia en Madrid contouse coa actuación de María do Ceo, que estivo acompañada de José e Álex Salgado.