Carlos Gómez, concelleiro de cultura de Xinzo: «O fundamental non é que haxa máis pantallas, é que quen se vista respecte os canons»
OURENSE

O responsable municipal espera que os visitantes se mergullen en todas as tradicións do entroido limiao
19 feb 2025 . Actualizado a las 11:20 h.Co entroido en marcha, o concelleiro de cultura de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, explica a labor do seu departamento na conservación da parte máis tradicional da cita, co eixe no personaxe da pantalla. Ante o maior éxito cada ano da celebración, o representante municipal non lle dá tanta importancia á cantidade de xente como ao adecuado respecto ás tradicións e a integración dos visitantes.
—De que se ocupa a Concellería de Cultura no entroido?
—Somos un equipo de goberno e tódalas concellerías participan. Aínda que a programación corra a cargo da Concellería de Festexos, dende cultura programamos charlas ou conferencias no Museo Galego do Entroido. Tamén facemos o concurso de fotografía «Un sentimento». Poñemos en valor o que representa culturalmente o entroido: tradición, respecto e sentimento.
—Segue tendo o mesmo peso na festa esa parte cultural?
—Claro, eu fun un dos promotores de que o entroido fose declarado de interese turístico internacional e o obxectivo non é só atraer turistas, que pode ser un recurso importante e de feito o é, é que os turistas sintan ese respecto que nos transmitimos polas nosas tradicións. Que conservemos e non deturpemos o que representa o ciclo do entroido, os cinco domingos e as figuras principais. Os que veñen a divertirse que o fagan respectando as nosas costumes e que nós acollamos aos visitantes e os fagamos partícipes da nosa cultura.
—Como xurdiu a idea do novo mural da pantalla?
—Levamos dende antes do verán de 2024 con isto. Propúxenlle a idea á Dirección de Turismo, posto que nos parecía importante que nesa fachada houbera algo da nosa personaxe principal, ao lado do Museo Galego do Entroido. Seleccionamos entre varios unha fotografía representativa, que resultou ser de Noelia Casero. Intentei buscar muralistas que responderan aos criterios que demandaban os entroideiros e aos que nos gusta conservar esta tradición, pedín orzamentos a varios da vila e finalmente Turismo seleccionou aos artistas.

—Cada vez hai máis pantallas, a tradición crece.
—O fundamental non é que haxa máis pantallas. É que quen se vista e se transforme en pantalla responda aos canons de comportamento. Que se transforme nunha máscara e nunha personaxe tradicional e todo o que representa o sentimento do entroido de Xinzo, que o encarna esa figura. Cando nos vestimos de pantalla non somos a persoa que habitualmente anda pola vila, senón que nos transformamos e iso debe facerse con respecto á indumentaria, ao comportamento e ao que simboliza.
—Tamén hai cada vez máis xente todos os domingos do mes.
—Sempre dicimos que o entroido de Xinzo é un dos mais largos de Europa. Parécenos importante que a xente veña, que coñeza e que se mergulle na tradición, que non veñan de espectadores. Como pasou o primeiro fin de semana, que estean cheos de fariña, que no oleiro veñan participar cun traxe tradicional e que se metan na festa.
—Que afluencia ten Museo Galego do Entroido?
—Hai moitas visitas, está moi demandado. Os entroidos senten cada vez máis a conveniencia de que os seus personaxes estean aí representados. Iso enriquece ao museo e a cultura de Galicia. A xestión é en colaboración ca Deputación e a idea é recuperala. Aínda que participen a Xunta e a Deputación, que o Concello sexa o xestor de forma máis directa.