Paco Diéguez, artesán de máscaras de Matamá: «Chegamos a ter un entroido máis vistoso que o de Laza porque non chegaba a Garda Civil»
OURENSE

Hai 60 anos que o ourensán elabora as caretas dos peliqueiros, que se estrean esta fin de semana
01 mar 2025 . Actualizado a las 12:58 h.Dos concellos do triángulo máxico do entroido de Ourense, Laza é o último en ver polas rúas ao seu personaxe: os peliqueiros. Fanse esperar ata este domingo tanto na propia vila como en Matamá, unha parroquia do municipio na que a celebración chegou a ter incluso máis peso. Alí reside Paco Diéguez, o artesán que leva sesenta anos elaborando as máscaras. E, por suposto, tamén vestíndose: «Era o soño de todo mozo». Fabrica entre cinco ou sete ao ano, plasmando na madeira a simboloxía desta figura de autoridade.
Antes ninguén tiña un traxe comprado. Os veciños alugábano e intercambiábano entre eles os días do entroido. Paco, de neno, sentiu a necesidade de ter unha máscara de peliqueiro propia. O seu tío e o seu avó xa traballaban a madeira como carpinteiros. Trouxéronlle unha máscara para repitanla e ao final quedou colgada encima da cama da súa habitación. «Durmíame con esa imaxe e levantábame tamén con ela», lembra. Sabía que, en canto puidese, faría unha cas súas mans para poder saír con ela. Pasou aos 15 anos. Agora ten 75 e nestas seis décadas anos dedicouse a facer a careta do entroido como pasatempo. Dende que se xubilou, intensificou o traballo. Tamén se dedica a outros oficios, como a talla de madeira.
Cando Paco era «mozolo», en Matamá había só dous ou tres peliqueiros. Por exemplo, lembra que en 1936 só correron tres e dous deses quedaron na fronte. Durante un gran período de tempo desapareceron e nos anos 70 e 80 volveron crecer. «Chegamos a ter un entroido máis vistoso que o de Laza porque aquí non chegaba a Garda Civil, entón os seus peliqueiros viñan correr», conta. De feito, teñen o seu propio programa de «antroido». Actualmente son uns vinte os que se visten, volvendo ás «épocas de grandeza».
Eses peliqueiros poden ter unha máscara para toda a vida, pero algúns xa lle encargan unha segunda para ir cambiando e outros acoden xunto Paco para que lles faga arranxos. A careta parte dun tronco de amieiro, cunha serra se adapta por fóra e despois se baleira por dentro. O seguinte paso é preparar o denominado «cabaco», que é a cara e a parte do proceso máis difícil, ao que se lle engade unha «mitra» semicircular encima na que se debuxan diferentes motivos. Por detrás cósese unha badana e unha pelica, o que lle da nome ao personaxe. Antes adoitaba ser de gato ou de raposo, pero hoxe en día óptase pola pel sintética, a de cabra ou de gacela.

O motivo da «mitera» escólleo o propio peliqueiro. «Chega a converterse no referente de toda unha familia, vai pasando de xeración en xeración a propia careta ou repíntana, poñen un touro, un can...», explica Paco. Cada figura do entroido ten unha historia e un rol. A de Laza, como conta o artesán de Matamá, é un «chamán» ou intermediario entre os deuses e os que están na terra. Antes incluso da época romana, sacrificaban aos animais e despois collían a pelica e ían batendo nas mulleres nun ritual de fertilidade. «O peliqueiro obedece a eses ritos, é unha máscara fustrigadora que vai ca zamarra batendo sobre todo nas mulleres para manter esa simboloxía», argumenta.
Quen se viste non ten unhas normas concretas porque Paco asegura que xa sabe de antemán como ten que comportarse. Vai nos xenes, sénteno: «Unha vez te cobres ca máscara xa non son Paco, son o peliqueiro e atéñome a normas non escritas que se seguen toda a vida». Para el é unha satisfacción e unha honra vestirse dende mozo. Confesa que sinte a mesma emoción e ansia de cando era crío. Aínda que Laza non ten domingo corredoiro como Verín e Xinzo, celebrado a pasada fin de semana, gozan mentres tanto dos seus folións. Este domingo por fin será o seu día grande para «entroidear».