Reflexións ante o Día do Seminario

José Pérez Domínguez DENDE O ATRIO

OURENSE

Seminario de Ourense
Seminario de Ourense

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña pro Seminario do ano 2025 leva por lema «Sementadores de esperanza», xa que estamos no ano xubilar romano da «esperanza que non defrauda». Por un lado, fai fincapé na escaseza vocacional nas nosas terras e, por outro, constata a ledicia da chegada de misioneiros latinoamericanos, sobre todo, a estas «terras de misión» para que nos axuden a reavivar a esperanza que parece que está a minguar nos tempos que corren.

Eu teño o vicio de madrugar e procuro saír máis ben cedo para dar un paseo. Nestes días do entroido encontreime con centos e centos de mozos festexando, xa de retirada, cada un dos días do carnaval. Por estar no mes de marzo, mes da campaña vocacional para o sacerdocio, pregunteime se non sería posible contactar con tantos mozos como andan polas rúas e facerlles una proposta de chamada ao sacerdocio. Dinme conta de seguido de que a Igrexa hoxe non ten esa capacidade de convocatoria tan necesaria para unha proposta de tal calibre.

Con todo, eu teño a certeza de que, entre o clero novo da nosa diocese, temos xente capacitada para convocar quedadas para un serio discernimento vocacional. Os crentes galegos das nosas comunidades parroquiais pregúntannos que está pasando para que nos veñan atender sacerdotes chegados doutras latitudes da Igrexa? A resposta é ben sinxela: noutros tempos os sacerdotes ourensáns foron polo mundo adiante a proclamar a boa nova do Evanxeo. Porque a Igrexa é universal. Hoxe, grazas a Deus, págannos ca mesma moeda. Sacerdotes de outras nacións prestan, por ventura, o servizo da evanxelización nas nosas parroquias. E digo por ventura. Por que? Pois falan coma nós e entendémolos, e tamén se esforzan en aprender o galego. E contan coa acollida agradecida das nosas xentes. Desta maneira, enriquecémonos uns e mailos outros.

Ante o Día do Seminario temos que rezarlle ao Señor, para que nos bendiga con moitas e santas vocacións. Temos que pensar que os sacerdotes nacen nas familias que rezan e fomentan a súa fe. E temos que rezar polos sacerdotes para que cas súas vidas testemuñen a importancia da misión sacerdotal neste noso mundo. Quizais nos últimos tempos botamos un pouco en esquecemento a ledicia e a ilusión de vivir o sacerdocio con elegancia.