
Vilanova dos Infantes e Córgomo acollen as principais citas da ateigada axenda do 17M
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe é o Día das Letras, a data para, máis que nunca, presumir de lingua, de historia e de tradición. Máis incluso este ano, onde as protagonistas son as cantareiras, esas mulleres que foron espallando a lingua e a cultura. Mulleres que en moitos caoss non sabían ler nin escdribir, mais gardaban na súa memoria as letras que falan do país, da raíz, do noso e que foron quen de conservar e transmitir para que non se perderan. Eran mulleres do rural, como rurais son as dúas aldeas que hoxe serán epicentro dunha ateigada axenda de actos por toda a provincia.
Vilanova dos Infantes
11.00 HORAS
A romaría Raigame volverá encher de música e artesáns a localidade de Vilanova dos Infantes, en Celanova. A partir das once de mañá comezarán as ctuacións de arredor de vinte grupos de música e baile tradicional. Ademais, máis de medio cento de artesáns mostrarán o seu traballo e tamén haberá obradoiros para ver en directo como se desenvolven algúns oficios tradicionais. Ás 13.30 horas farase entrega do premio honorífico Adolfo Enríquez ás cantareiras das aldeas dos concellos de Avión e Beariz. Haberá postos de comida para poder repoñer forzas e seguir coa festa ata a tardiña. É a romaría de referencia cada 17 de maio.
Córgomo
11.00 HORAS
Na aldea natal de Florencio Delgado Gurriarán, en Vilamartín de Valdeorrs, montaron unha grande festa no 2022 cando o poeta foi o protagonista do 17 de Maio. E agora a fundación que leva o seu nome repite a Florenciada coa intención de facela unha cita de referencia nas Letras. Desde as once poderá visitarse a feira de artesáns. Charangaiteros porá a música á sesión vermú e Pándega despois do xantar popular (20 euros custa o menú con churrasco). Ás cinco haberá foliada con Abertal e despois cantarenas cos Parrandas.
Ourense
20.00 HORAS
Luar na Lubre ofrece un concerto na rúa Dalí, no barrio do Couto. O grupo estará acompañado nalgúns temas polo gaiteiro Xandro Vidal, de Five Pipers.
O Barco de Valdeorras
21.00 HORAS
A banda de gaitas e baile Coribantes ofrece un concerto na praza do Príncipe, utilizando as escaleiras da igrexa como escenario. Haberá cadeiras para que poida sentar o público.
Barbadás
12.00 HORAS
O acto no parque da Solaina (A Valenzá) comezará coa lectura do manifesto a cargo da concelleira de Cultura, Ana Peleteiro. Despois actuarán o grupo de cantareiras e pandereteiras de Barbadás, Lambisqueiras, Ferreñas no Luscofusco e o grupo de baile Abesour@s de Nova Fronteira.
A Rúa de Valdeorras
12.00 HORAS
Na praza do Concello haberá unha homenaxe ás cantareiras da man de Abertal.
A Pobra de Trives
11.30 HORAS
As Macizas Centrais organizan no seu local (no segundo andar do edificio traseiro do colexio) un obradoiro para cativada no que pintarán caroutas e aprenderán a tocar e bailar música tradicional.
Manzaneda
12.30 HORAS
O programa comeza ás doce cun vermú musical, que dará paso a un xantar conxunto. A partir das seis e media, no patio do colexio actuarán as pandereiteiras Quinchousa Oscura e a asociación de baile A Pinguela, acompañadas do grupo de gaita e percusión.
Xinzo de Limia
13.00 HORAS
Fantoches Baj presenta «Castelao. Un corazón á intemperie», una obra para público familiar a partir de seis anos. Será na praza Maior.