A música das novas xeracións soa en galego

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Gala, Ash e Ro actuaron no IES As Lagoas
Gala, Ash e Ro actuaron no IES As Lagoas Santi M. Amil

O IES As Lagoas organizou un concerto de Ash Diz e un faladoiro para que o alumnado vexa que a lingua propia é un vehículo de expresión para calquera faceta da súa vida cotiá

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De música saben, e moito, os estudantes do IES As Lagoas de Ourense. Foron moitas as actividades organizadas polos centros educativos da provincia para conmemorar o Día das Letras Galegas e achegar o espírito desta festa ás novas xeracións. Neste centro fixeron unha das apostas máis orixinais. Pensaron que a mellor maneira de celebrar a cita deste ano, dedicada ás cantareiras e á poesía oral popular, era precisamente con música na que se fusionase a esencia tradicional cos ritmos e xeitos de facer das novas xeracións. Así que organizaron unha xornada na que o prato forte foi un concerto de Ash Diz, unha formación que fai música urbana en galego e que, por certo, tamén foi nominada aos premios Martín Códax. As súas letras falan de compromiso coa cultura galega, a ecoloxía, a igualdade e co colectivo LGTBIQ+. Pero non todo foi música. Ash, Gala e Ro protagonizaron tamén un faladoiro no que lle contaron aos estudantes deste centro ourensán sobre a realidade do sector e, máis concretamente da produción musical en galego e a súa experiencia como neofalantes. Tamén lles explicaron detalles sobre o proxecto audiovisual Resaka Emocional no que están metidas e que, alén da produción musical, funciona como un colectivo para a creación de arte no que caben variedade de disciplinas e sensibilidades e que combina desde danza a fotografía. A cita foi todo un éxito e cumpriu co obxectivo que se marcou: achegar a lingua propia a unha xeración que, segundo apuntan os estudos ao respecto, fala moito menos galego no día a día do que o facían os seus proxenitores, e amosarlles que pode estar en tódalas facetas da súa vida.