Marcos Prada, presidente da D.O. Valdeorras: «Na feira amosamos que se traballa para lograr a excelencia»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Marcos Prada foi elexido presidente en novembro do 2024
Marcos Prada foi elexido presidente en novembro do 2024

A denominación de orixe crece e o seu responsable apunta á necesidade de buscar novos mercados en Asia e Latinoamérica

30 may 2025 . Actualizado a las 15:15 h.

Esta non é a primeira Feira do Viño para Marcos Prada Ginzo (Suíza, 1979) con responsabilidades dentro do consello regulador —foi vicepresidente na directiva de José Luis García Pando durante cinco anos—, pero este ano estrease na cita de exaltación dos caldos valdeorreses como máximo responsable da denominación de orixe.

—Como afronta a celebración?

—Faime moita ilusión. Para min é un honor poder xestionar a feira, pero tamén é unha grande responsabilidade porque queres estar á altura das que se fixeron ata agora. Queres estar atento a todo, que nada se escape.

—Este ano participan 18 adegas das 43 que ten a D.O. Non lle gustaría unha maior presenza?

—Por suposto. O ideal sería que puideran participar todas, pero tamén hai que entender que nas datas nas que estamos non todas poden. Ese é o eterno dilema das feiras: se é mellor organizalas cando a colleita está recen saída e hai existencias ou máis adiante, ou incluso no verán, por exemplo. Aquí esa última opción desbotouse porque na comarca fai moitísima calor, e se a adiantamos moito tamén temos moitas posibilidades de que chova, o que tampouco é agradable para o público. Nestas datas hai máis posibilidades de que acompañe o bo tempo e non temos a calor abafante do verán.

—Vostede é adegueiro. Qué diría que lle aporta a unha empresa estar nunha feira na casa?

—Que a xente da nosa comarca, ou do arredor, teña ocasión de probar tamén os nosos viños, de coñecer tódolos nosos produtos e de ver o que estamos facendo. Que vexan o que xa se nos recoñece cando imos por aí adiante: a altísima calidade dos nosos produtos. Na feira amosamos que traballamos para lograr a excelencia e queremos que tanto os visitantes como a nosa xente o comprobe e se sinta orgullosa.

—Pensa que en Valdeorras aínda hai público a conquistar?

—Si. Especialmente entre as xeracións de adultos máis novas. Na era das telecomunicacións e internet, temos tanta información que ao final non coñecemos nada en profundidade e é unha pena que iso pase co máis próximo. Consúmense bebidas con moita máis gradación alcohólica e moitos seguen vendo o viño como algo de xente maior. Non é así, como ben amosa o mercado. Hoxe tómase viño incluso nos concertos, e aquí temos o exemplo do Sil Fest. Gustaríame que as novas xeracións coñecesen máis un mundo que representa unha forma de vida. A feira tamén serve para achegalos a esa realidade do sector.

—Cales son os retos actuais do sector?

—Estamos nun momento de incerteza pola situación xerada a raíz da decisión da Administración Trump de impor aranceis que ao noso produto pode afectarlle bastante. Estamos preocupados polas exportacións, é evidente, pero a opción non é quedarse parados. O que estamos facendo é empezar a traballar mirando a outros mercados que poidan paliar as repercusión desa decisión. Pero tamén hai motivos para o optimismo. Estamos contentos porque os nosos viños estanse vendendo moi ben. Ao principio de ano parecía que o mercado estaba algo estancado, pero cambiou. Estamos dando moitas precintas o que amosa que se reactivou.

—En qué momento diría que está a denominación de orixe Valdeorras.

—Estamos crecendo e iso é bo. Cada ano aumentamos hectáreas. O reto é que ese aumento sexa equilibrado coa demanda para non entrar nunha situación de excedentes. Por iso buscamos aumentar o público obxectivo mirando a novos mercados. Un no que tiñamos posto a mirada era precisamente o americano, pero estamos buscando noutros sitios. Este ano xa estivemos en Alemaña e agora en xuño iremos a Copenhague, pero temos no punto de mira tamén a Mercosur e aos países asiáticos.

—Hai relevo xeracional no sector?

—Hai fillos ou netos que se están facendo cargo das viñas e de adegas, que aquí en boa parte son tamén produtoras e teñen o seu propio viñedo, e apostan por elo como primeira actividade. E tamén veñen de fóra a inverter aquí, o que amosa o potencial que temos, que non son só as nosas castes, se non o noso terruño, o noso chan e a nosa climatoloxía.