As curiosidades da orla do mestrado da avogacía: das irmás marroquís que falan galego entre elas á viguesa que vive en A Coruña pero estuda en Ourense

OURENSE

Oito persoas conforman a primeira promoción da especialización combinada na Facultade de Dereito
29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O listado da primeira promoción do Mestrado universitario en avogacía e procuradoría da Facultade de Dereito do campus de Ourense tiña circunstancias pouco comúns: había dúas irmás entre as graduadas e, por riba, tiñan nome árabe: Zobaida e Fadoua El Hidam Abettouy. Propúxenme atopalas. Preguntei á primeira rapaza que vin entrar con papeis no salón no que se ía celebrar á cerimonia. «Zobaida son eu», dime. «Somos de Marrocos pero levamos aquí case toda a vida. Eu cheguei con catro anos e miña irmá con dous», aclarou ao detectar a miña cara de sorpresa pola soltura coa que falaba o idioma.
Mentres me explicaba que a pequena fixera o grado en Dereito e ela o dobre grado —combinado con ADE—, chegou outra rapaza apurada: «Onde tes as cousas?», espetoulle. «O teu xa está, Fadou», respondeulle Zobaida. «Non, digo as de Diana», replica. «Ah, pois toma, leva estas», contesta a maior. Expresei, de novo, a miña sorpresa porque se comunicaran espontaneamente entre elas nunha lingua distinta á materna. «Sáenos tan natural coma o árabe», dixo Zobaida sen darlle máis importancia. Ela está facendo prácticas nun despacho de avogados e conta que lle gustaría dedicarse ao dereito civil e afondar en fiscalidade e en estranxeiría. «Hai moita xente que vén de fóra e gustaríame poder usar esa vantaxe que teño co meu idioma de orixe para axudar», argumentou. Fadoua non o ten tan claro. «Non sei polo que me decantarei no futuro. De momento estou traballando nunha entidade financeira e gústame», confesou. Non son as únicas da familia ás que lle seduce o mundo do dereito. Hai outra irmá que está agora cursando ADE e Dereito, pero aclaran que non teñen antecedentes familiares na profesión. De feito, o resto dos irmáns elixiron camiños diferentes. «Un está opositando para policía, outro é mecánico e outro vai empezar un ciclo de FP relacionado coa administración de empresas», resumen.
Aparte delas dúas, na orla desta primeira promoción do máster combinado da Facultade de Dereito, todos teñen a súa pequena historia. O único varón da promoción, Iván Fernández, é ourensán pero foi o que chegou máis tarde ao grupo dos compañeiros. Tivo que saír correndo do Rexistro de parellas de feito de Lugo, do que é encargado, para chegar á cerimonia de graduación. «Eu xa rematei o grao no 2016 e despois opositei. Son funcionario do corpo superior da Xunta. E agora animeime a completar a formación co máster, aínda que co traballo non é sinxelo», aclara este ourensán.
Pero é Greta Alonso a que levaría o premio á carambola de viaxes do ano. Ela é de Vigo, veu estudar a Ourense xa o grao e decidiu seguir no máster, pero dende vai máis dun ano vive en A Coruña porque alí atopou traballo nun despacho de avogados. A orla deste primeiro ciclo combinado complétase con Clara Vázquez, que se especializou en laboral e protección de datos e traballa nun bufete ourensán; María Pena, que tamén traballa nun banco e que soña con dedicarse no futuro ao Dereito Penal; Diana Pereiro , que combinou os estudos co traballo nunha xestoría; e Jennifer Álvarez, á que tamén lle atrae a área penal.