Os visitantes da Feira do Viño de Monterrei poderán pagar con pulseiras recargables
OURENSE

Adegas da denominación de orixe ofrecerán as súas mellores referencias nunha cita que incluirá música e gastronomía
07 jul 2025 . Actualizado a las 17:17 h.A décimo oitava edición da Feira do Viño de Monterrei converterá a praza da Alameda de Verín no corazón da viticultura da comarca entre o 8 e o 10 de agosto. A cita contará coa participación de 19 das 29 adegas da Denominación de Orixe, e virá acompañada dunha ampla programación cultural e gastronómica. O evento —que foi presentado este xoves polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o presidente do Consello Regulador da D. O. Monterrei, Manuel Vázquez, e a concelleira de Cultura, Samanta Barreira— incluirá catas especializadas, concertos e espazos gastronómicos abertos ao público. «Ademais de ser un evento que atrae a moita xente, tamén se converte nun punto de encontro para aqueles que están fóra, como unha especie de reunión familiar, ao estilo das que se facían antigamente», destacou o alcalde. Ademais, os asistentes á feira deste ano poderán gozar dunha experiencia máis cómoda e moderna grazas á implantación dun novo sistema de pagamento sen efectivo. «Como novidade, implantarase un sistema de pago cashless mediante pulseiras recargables, para darlle un punto de modernidade á feira», explicou Manuel Vázquez.
O acto inaugural terá lugar o venres 8 ás 20.00 horas na praza García Barbón, precedido da imposición de medallas da Confradía dos Viños de Monterrei.
A música tamén será protagonista con actuacións destacadas como a de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. «É o noso deber apoiar e reivindicar o noso dereito de gozar da música que se fai aquí. Ao igual que poñemos en valor o noso viño, culturalmente entendemos que temos que estar do lado das nosas profesionais e estar orgullosos do seu traballo», apuntou a concelleira de Cultura.
Os asistentes poderán adquirir degustacións por 2 euros e copas personalizadas polo mesmo prezo. A feira contará tamén con casetas gastronómicas e empresas colaboradoras que complementarán a experiencia. Con todo, o concello de Verín, durante tres días, ofrecerá unha mostra viva da identidade vitivinícola galega, mesturando tradición, innovación e cultura.