As orquestras Kubo, La Misión, Cinema e América de Vigo tocarán na Rúa en agosto

OURENSE

A orquestra Cinema estará na Rúa o día 3 de agosto.
A orquestra Cinema estará na Rúa o día 3 de agosto. Javi Meizoso

O Concello programa 45 espectáculos repartidos en 18 xornadas durante todo o verán

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Corenta e cinco espectáculos repartidos en 18 xornadas, a maioría delas en agosto aínda que algúns xa se levaron a cabo. Ese é o resume que fixo o segundo tenente de alcalde, Vicente Solarat, do programa de verán na Rúa de Valdeorras. Presentouno acompañado da alcaldesa, María González Albert. «Continuamos na senda do ano pasado, de pensar unha programación continuada no tempo que cubra un espazo fundamental para nós como é o verán», dixo Albert.

«Distribuímolo en 18 días espallados. É mellor que concentrar todo en seis días, que rebenta o bolsillo e o corpo», apuntou Solarat. O programa de agosto comezará o día 1 coas Festa de Verán, aínda que xa para o 31 está previsto o Encontro de picadiscos, organizado por un particular con apoio do Concello. O día 1 haberá música coa charanga Bicoia polas rúas da vila. Á noite, no Aguillón tocará a orquestra Kubo e o grupo La Banda de Ayer. O sábado haberá inchables acuáticos na piscina (e tamén o domingo). Os pasarrúas correrán a cargo de Abertal e no Aguillón a música chegará coa orquestra La Misión e a discoteca móbil Soul Teller. O día 3 os pasarrúas serán coa charanga A Fuego. No Aguillón alternaranse as actuacións das orquestras Cinema e América e Vigo. O domingo, como colofón, haberá teatro na praza do Concello. O Centro Dramático Galego presenta (20.30 horas) a obra «Punto en boca: entre fíos anda o lío».

O 15 de agosto será o festival O Son da Estación con Carlos Ares e Mondra como cabezas de cartel. Tocarán tamén Agoraphobia e Green Angels. Como picadiscos estará Killvir DJ.

Ao día seguinte chegarán as Xornadas de Folklore, coa participación de grupos de Ucraína, Arxentina e Filipinas. O espectáculo será no Aguillón.

Esperando polas barracas

O ano pasado, as Festas de Verán non tiveron atraccións. Os feirantes mostraban así o seu rexeitamento ao cambio de localización (da zona da estación ao Aguillón, onde volverán celebrarse), xa que os obriga a levar un xerador propio para ter corrente eléctrica. Este ano varios deles presentaron toda a documentación que marca a lexislación para poder instalarse. Agora falta que paguen a taxa correspondente, explicou a alcaldesa. O goberno deulles de prazo ata o luns para abonar a cantidade (que vai desde os 50 aos 300 euros, en función do tamaño e do tipo de atracción) e así poder instalarse no recinto do campo de fútbol.

A asociación Sabugueiro recupera a Romería do San Roque o 17 de agosto

As Festas do San Roque, na Rúa Vella, son por tradición o evento encargado de pechar o agosto festivo na localidade. Este ano volverá ser así, cun programa que comezará o día 22 e se prolongará ata o 25. Pero, ademais, a edición deste ano trae unha novidade: a recuperación da romaría do San Roque, que se celebrará o 17 de agosto. Antigamente, o día do patrón (o 16) os veciños reuníanse nunha comida popular. Esa tradición perdeuse, pero a asociación cultural Sabugueiro (organizadora das festas do barrio) decidiu recuperala. E o Concello apoia a iniciativa.

Un ano máis, o programa incluirá (o venres 22) tamén unha versión local do programa de talentos «Got Talent». As persoas interesadas en participar teñen ata o 15 de agosto para enviar un vídeo de menos dun minuto co espectáculo que queiran presentar.

Un grupo tributo aos Rolling Stones será cabeza de cartel na Bacofesta

A feira do ano en Fontei, a do 7 de agosto, é unha das citas importantes no calendario festivo da Rúa. E tendo isto en conta non podía faltar a música. O grupo La Última Legión dará un concerto esa noite na praza da Estación. Ao día seguinte dará comezo a Bacofesta, que se celebra no Aguillón. Serán tres xornadas dedicadas a recuperar a historia romana da localidade e ao tempo exaltar os viños amparados pola D.O. Valdeorras. As adegas participantes compartirán recinto con postos de artesanía e gastronomía. Ademais, o programa inclúe tres concertos. O venres tocará No All Kansas e o sábado estará Smoking Stones, una banda tributo aos Rolling. O domingo será a Noite Guigurra, na que se mesturará a música rock co folk. Haberá tamén un espectáculo de ilusionismo co mago Cayetano e outro de malabares con Moc Moc.