Felisa Gónzalez: unha vida de 101 anos no Coto

Bárbara María LA VOZ

OURENSE

Felisa González leva vivindo no Irixo durante os seus 101 anos e nunca tivo a intención de marchar
Felisa González leva vivindo no Irixo durante os seus 101 anos e nunca tivo a intención de marchar B. María

O segredo da centenaria é manterse activa, descansar o que lle pide o corpo e levar unha boa alimentación

16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Felisa González é unha muller natural do Irixo. Naceu en Cusansa e agora vive no Coto na súa pequena casa rural. Só nunha ocasión saíu de Galicia. O máis lonxe ó que chegou algunha vez foi a Zaragoza. Ou mellor dito: o máis lonxe ó que chegou Felisa ata agora foi aos 101 anos.

Ao preguntarlle que leva facendo toda a vida para manterse, Felisa responde sen titubear: «Nunca deixei de traballar». As súas mans son o mapa dunha crónica vital que empeza nunha mirada chea de lembranzas idas mais prendidas nos seus ollos. Felisa relata a súa historia dende que se mudou co seu marido, Antonio Nogueira, a súa vivenda actual, berce do seu único fillo, José Antonio. Cando o neno cumpriu os catorce anos, a familia tivo que dicirlle adeus ó pai, quen loitou na Batalla del Ebro e caeu mal ferido. Antes de velo falecer, Felisa prometeulle nunca abandonar a José Antonio. «Os meus curmáns querían que marchase con eles á emigración, pero eu aquí tiña un propósito», conta mentres lembra que sempre traballou para coidar ó seu fillo e poder pagarlle os estudos. José Antonio logrou ser policía e, no momento da súa morte ós 74 anos, xa ascendera a inspector xefe. «El foi e segue a ser un orgullo para min», afirma Felisa, con moita emoción.

No exercicio diario de labranza, na boa alimentación e nun descanso adaptado ó que lle pide o corpo radica o segredo da súa lonxevidade. A centenaria nunca se aburre de facer o mesmo: «Váiseme o tempo traballando». Parece que os segundos, minutos e horas non pasan por ela cando colle a aixada cada amencer. «Cando era moi nova puxéronme a coser polas casas da aldea e eu aburríame moito...A finca, en cambio, sempre me deu forzas», asegura.

Felisa espértase dependendo das gañas que teña de facelo; normalmente non pasa das oito e media da mañá e sempre almorza Colacao con galletas María, porque é o que mellor lle senta. Despois se prepara para ir ó seu horto, onde cultiva tomates, patacas, verzas, verduras e legumes para consumo propio e para amigos e familiares. Pasa o día na finca ata que asoma a lúa. Cea o mesmo menú do almorzo coa televisión posta en Pasapalabra porque así adestra a mente. Déitase non máis tarde das doce e durme «estupendamente», segundo asegura. A soidade de entre semana non lle molesta. Fala cos veciños tódolos días e os findes vai visitar ós seus netos e bisnetos, a quen recoméndalles non fumar nin beber alcohol, utilizar pouco sal nas comidas e manterse activos aínda que non teñan ganas de facer nada. Felisa, de entre tódalas cousas que aprendeu ao longo destes 101 anos de vida, está moi convencida dunha en particular, a que considera a súa máxima: «Aquel que non saiba controlar o seu vicio non é persoa».