
O festival de cine presentou unha renovada figura para os seus premios
10 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O festival de cine de Ourense presentou a nova imaxe do premio Calpurnia, unha peza que forma parte do lavado de cara impulsado pola nova dirección da cita con motivo da 30 edición do certame.
A figura que servirá como galardón neste 2025 non se parece en nada á anterior, pero ambas están intimamente unidas: as dúas son creacións do escultor galego Manuel Buciños. «Para nós é un auténtico privilexio poder contar co seu autor orixinal, que leva 27 anos coa mesma Calpurnia», asegurou o director artístico, Óscar Doviso, durante á presentación. Recoñeceu que lles deu certa vertixe suxerirlle a idea ó artista: «Inicialmente dábanos un pouco de pavor porque despois de tantos anos coa mesma peza, como plantexarlle a alguén que non nos coñece a ilusión que nos faría a renovación?». Pero a resposta de Buciños foi de todo satisfactoria. «No momento que lle propuxemos este cambio notamos tamén que el se ilusionaba e penso que nese intre xa podía redeseñar o premio», apuntou Doviso.
Este ano a peza ten un valor engadido: só se entregarán tres Calpurnias no Ourense Film Festival. A diferencia doutros certamen, nos que os premios son xoias, o OUFF segue apostando por una obra de arte, que conta ca implicación directa do autor, o que lle dá un valor engadido e simbólico.
Tras a revelación do deseño, o director do certame valorou moi positivamente a obra: «Agora está perfectamente definida porque a figura que había era un plano xeral». Esta estatuiña fai referencia a Calpurnia Abana, a primeira muller habitante da cidade de Ourense. Trátase dunha personalidade de hai 18 séculos, á que renden homenaxe no OUFF desde os seus inicios, como símbolo da capital. Foi a primeira residente da cidade, na época romana, da que se ten constancia documental.
O artífice da peza, Manuel Buciños, debullou o camiño que o levou ao resultado final. Partiu, nin máis nis menos, que da súa infancia. Así, fiando recordos, deulle unha nova personalidade á figura que se entregará como galardón. «O importante para min cando era neno non eran os directores, eran as actrices», lembrou o escultor. Inspirado na figura das intérpretes clásicas, Buciños traballou no que quería que fose unha «cara interesante, que ten carisma». «Creo que é bonita», concluíu.
A Calpurnia de Buciños da unha volta de rosca a unha edición do OUFF chea de cambios. O seu traballo foi eloxiado por César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, que destacou a súa contribución ao certame. «O compromiso co festival ao longo de todo este tempo está na liña da nova imaxe», agradeceu Fernández. Recordou que o escultor, aínda que nado en Lugo, é fillo adoptivo da provincia de Ourense.
O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro. Está coorganizado pola Deputación e a Asociación Luarada.