
A clásica banda de música tradicional galega ofrece hoxe un concerto na Xoldra de Pereiro de Aguiar
13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Milladoiro apenas precisa presentación. Ten ben gañada a súa sona e o seu lugar preferente no panorama artístico galego, logo de catro longas décadas de dedicación á música tradicional galega, levándoa por todo o país. Hoxe (desde as 20.00 horas) toca na Xoldra de Aguiar (entre o santuario e a residencia Os Gozos, en O Pereiro de Aguiar). Onte falamos cun dos músicos fundadores da histórica banda, Xosé Ferreirós, mentres viaxaba a un concerto en Érmua, no País Vasco.
—Levan unha boa xeira de concertos este verán. O último disco é do 2022. Están presentando algo novo?
—Ata novembro estamos liados. Ese foi o último disco gravado, unha recopilación con temas cantados. En directo, Milladoiro estamos facendo o mesmo de hai corenta anos: a reivindicación da música instrumental. Hai cousas novas, temas moi coñecidos, con tanta discografía atrás, ás veces fanse suites nas que se recuperan temas aos que se lle dá unha nova sonoridade.
—Despois de tanto tempo, cómo seguen conectando co público e conseguen que os seus concertos sexan tan vividos?
—Na música de Milladoiro a xente se ve moi reflectida, porque o 95 % da música que facemos está inspirada ou baseada na música popular. Unha das claves do éxito de Milladoiro é que soubo poñer a música que legaron os nosos devanceiros para os ouvintes dos século XXI, e coa súa longa historia segue soando actual. Milladoiro está moi agradecido ao público, neste caso ao galego, porque nestes 45 anos de xeira nunca nos abandonou. Porque quizais nunca demos bandazos. Unha vez que demos co son que nos identifica, non nos deixamos levar por modas. Seguimos no noso camiño, as veces con máis publico ou con menos, pero sempre hai unha audiencia fiel e subsistimos. Sabemos estar na cresta da ola e no val. Os oito músicos que subimos ao escenario cremos profundamente no que facemos, non é unha impostura, e iso transmítese á xente.
—Como ve a evolución musical de Milladoiro?
—Nestes 40 anos o grupo evolucionou sen abandonar unha liña argumental que nos define. Fomos un grupo moi estable, pero cambiou xente; quedamos tres dos fundadores e os outros catro xa levan 25 anos. A xente nova, doutras xeracións, trae outras cousas, novas vivencias. Así foise conformando a sonoridade do grupo, en máis de vinte discos. A argamasa funciona moi ben. Non é fácil coexistir tanto tempo coa mesma xente. Iso conséguese falando moito e renunciando cada un a súa parte de gloria particular. Milladoiro é un grupo coral, no que todas as persoas teñen peso a hora de traballar nos arranxos.
—Que lle gusta da música galega actual?
—Cando nós empezamos a situación era dramática, desaparecían moitos gaiteiros vellos cos que eu aprendín, e había pouco relevo xeracional. En corenta anos o panorama cambiou moito e para ben. Hai moita xente traballando con interese e ganas na musica tradicional. Eu escoito de todo. Milladoiro innovou no momento no que saíu, agora tócalle innovar a outros.